Os veciños da Milagrosa reclama explicacións polos atrasos nas obras do seu centro de saúde

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais de A Milagrosa fixo pública a súa preocupación pola evolución das obras do Centro de Saúde do barrio, unha infraestrutura demandada desde hai anos e cuxa execución, segundo denuncian, progresa a un ritmo claramente insuficiente.
O titular da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia anunciara o inicio dos traballos para o verán de 2025, pero a actuación comezou xa con demora debido a que no inmoble continuaba operativa a lavandería do HULA, circunstancia que impediu o arranque inmediato da intervención. O centro pechara as súas portas en xuño de 2024 e, desde entón, os máis de 10.000 pacientes adscritos foron derivados de maneira provisional ao Centro de Saúde da Residencia, un traslado que, segundo o colectivo, se prolongou moito máis do razoable.
A empresa adxudicataria fixara un prazo de execución de 18 meses, o que situaría a conclusión da obra na primavera de 2027. Porén, cando está a piques de cumprirse un ano desde o inicio previsto, a asociación asegura que o estado actual dos traballos dista moito do comprometido. As imaxes tomadas esta mesma semana e as observacións realizadas, segundo indican, amosan un avance mínimo, moi afastado do que sería esperable nesta fase do proxecto.
Mentres tanto, continúan chegando queixas veciñais, especialmente de persoas maiores e pacientes con mobilidade reducida que se ven obrigados a desprazarse en taxi ou depender de terceiras persoas para acudir ao seu médico de cabeceira. Trátase do único centro de saúde situado dentro do barrio, xa que o resto se atopan na zona da Residencia ou en Illas Canarias, en Albeiros, o que agrava a situación asistencial.
Ante este escenario, a asociación diríxese directamente ao conselleiro de Sanidade para reclamar explicacións claras sobre as causas do atraso acumulado, a presentación dun calendario actualizado, realista e verificable, a adopción de medidas inmediatas que permitan acelerar a execución e a garantía de que os 8.000 pacientes afectados —segundo as súas cifras— recuperarán o seu centro de saúde en condicións dignas e nun prazo axeitado.
A entidade formula unha pregunta directa: se a obra estará rematada en 2030, xa que, ao seu xuízo, nada fai pensar a día de hoxe que poida estar lista en 2027. A Milagrosa, sinalan, é un barrio dinámico, con forte tecido social e comercial, que sostén a miles de familias, polo que non aceptarán, conclúen, un trato que consideran impropio nin demoras nun servizo básico como a sanidade pública.
ASOCIACIÓN RIANXEIRA
A Asociación Veciñal, Cultural, Deportiva e Recreativa A Rianxeira tamén trasladou a súa preocupación pola situación das obras do Centro de Saúde da Milagrosa, un equipamento que consideran esencial para o barrio e cuxa execución, segundo denuncian, avanza cun atraso que cualifican de “insostible”.
Desde o peche do centro en xuño de 2024, milleiros de veciños vense obrigados a desprazarse ata o Centro de Saúde da Residencia para recibir atención médica. O que inicialmente se presentou como unha medida temporal prolongouse moito máis do previsto, polo que A Milagrosa continúa sen contar cun centro sanitario propio a pesar de tratarse dun barrio cunha poboación numerosa e diversa.
Segundo explica a asociación, as obras non están a avanzar co ritmo necesario para cumprir cos prazos anunciados. As visitas realizadas recentemente polos membros do colectivo deixaron, segundo aseguran, unha impresión preocupante. “Hai moi poucos operarios traballando, apenas actividade e un avance que non se corresponde cos compromisos adquiridos”, sinalan desde a entidade veciñal.
Ademais, o perímetro do edificio permanece totalmente valado, ocupando boa parte do espazo nunha zona na que o aparcamento xa era limitado antes do inicio das obras. A situación, indican, agravou notablemente o problema tanto para as persoas residentes como para os establecementos comerciais do barrio.
A asociación tamén chama a atención sobre as dificultades que afrontan as persoas con mobilidade reducida, para quen os desprazamentos ata outro barrio para acudir ás consultas médicas supoñen un obstáculo diario. A isto súmanse os custos adicionais que moitos veciños están a asumir para acudir ás citas médicas. “Moitas persoas están tendo que pagar taxis ou utilizar transporte privado para chegar ás consultas na Residencia, un gasto que antes non existía e que se converteu nunha carga inxusta, especialmente para as persoas maiores”, advirten.
Ante esta situación, desde A Rianxeira solicitan ao delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, que traslade ao Goberno galego a necesidade de aclarar publicamente os motivos do atraso acumulado e de presentar un calendario actualizado e crible que permita coñecer a situación real das obras. Tamén reclaman que se incrementen os recursos humanos e materiais para garantir un avance acorde cos prazos comprometidos e que se restitúa canto antes o servizo sanitario no barrio.
A preocupación entre a veciñanza vai en aumento ante a falta de avances visibles. “Moitos veciños pregúntanse se o centro de saúde da Milagrosa estará realmente rematado en 2032 ou canto máis teremos que esperar”, sinalan desde a asociación.
O colectivo lembra que A Milagrosa é un barrio dinámico, cun importante tecido social e cultural, e considera que non merece continuar soportando unha situación que afecta directamente ao benestar e á calidade de vida da súa veciñanza. Por iso, reclaman ás administracións “compromiso, transparencia e solucións reais”.