Os veciños de Castelo esixen melloras na seguridade da estrada da Fonsagrada

LugoXa
Xurde pola preocupación da veciñanza sobre o perigo que supón a actual configuración da estrada
manifestacion-castelo-lugo
7 sep 2024

O barrio de Castelo acolleu unha mobilización veciñal para reclamar melloras na seguridade viaria da estrada da Fonsagrada. A acción, convocada para as 19.00 horas, xurde pola preocupación da veciñanza sobre o perigo que supón a actual configuración da estrada. Rubén Arroxo, portavoz do BNG no Concello de Lugo, lembrou que o BNG xa presentou iniciativas tanto no Parlamento Galego como no Concello de Lugo para instar á Xunta de Galicia a mellorar a seguridade nas estradas que conectan a cidade.

“Trasladamos as preocupacións da veciñanza de Castelo respecto da estrada da Fonsagrada, así como doutros problemas de seguridade en estradas como as de Portomarín e Friol”, afirmou o portavoz, destacando que solicitarán o apoio dos grupos municipais para presionar á Xunta a actuar. A estrada da Fonsagrada ten unha intensidade media diaria de 10.311 vehículos e divide o barrio de Castelo en dúas partes, o que levou á veciñanza a reclamar medidas como a redución da velocidade de 70 a 50 km/h, a instalación de pasos de peóns nas paradas de bus e a creación dunha beirarrúa segura que conecte a rúa San Eufrasio co Carqueixo. Estas medidas buscarían facilitar o acceso seguro, especialmente para as persoas maiores e con mobilidade reducida.

Tamén se destacaron deficiencias noutras vías da zona, como as estradas de Portomarín e Friol, onde a falta de pasos de peóns nas paradas de autobús dificulta o acceso dos residentes, en particular nas zonas de Piúgos e ao longo do Camiño Primitivo. Arroxo denunciou que "estas áreas da cidade están sendo marxinadas pola Xunta", e reclamou a implantación de infraestruturas que garantan a seguridade e benestar da veciñanza.

0.19781684875488