Os veciños de Rebordaos–Veral reclaman o arranxo urxente da pista entre O Veral e Pena Rubia

LugoXa
A asociación veciñal alerta do deterioro dunha vía pola que circulan escolares, vehículos agrícolas e maquinaria e que dá acceso a explotacións e vivendas
estrada-O-Veral---Penarrubia-Lugo
11 Sep 2026

A Asociación Veciñal de Rebordaos–Veral reclama á Concellería de Medio Rural unha actuación urxente na pista que comunica a igrexa de O Veral con Pena Rubia, ante o deterioro que presenta a vía e os problemas que, segundo a entidade, está a xerar para a circulación diaria de veciños, escolares, vehículos agrícolas e servizos.

A asociación destaca que se trata dunha vía fundamental para a parroquia, xa que por ela circula o transporte escolar e se accede a unha explotación agrícola con un elevado número de animais e a unha granxa avícola. Ademais, no inicio do trazado existe un núcleo numeroso de vivendas e ao longo da pista é habitual o tránsito de tractores e maquinaria agrícola, debido á presenza de fincas vinculadas ás explotacións da zona.

Desde a Asociación Veciñal de Rebordaos–Veral consideran que esta vía ten un carácter estratéxico para o rural de O Veral, tanto pola súa función residencial como polo seu papel no desenvolvemento das actividades agropecuarias. Por iso, denuncian o estado de abandono que presenta actualmente, con numerosos baches que dificultan a circulación e poden comprometer a seguridade dos usuarios.

Entre as deficiencias sinaladas pola entidade atópase un bache de arredor de tres metros de lonxitude, visible nas fotografías tomadas recentemente pola asociación, que consideran un exemplo da situación na que se atopa a pista e dos riscos que pode supoñer para o tránsito habitual.

Ante esta situación, a asociación veciñal pide á Concellería de Medio Rural que actúe con urxencia e acometa o bacheado da vía para recuperar unhas condicións mínimas de seguridade e transitabilidade.

A entidade lembra que o mantemento das vías do rural forma parte das responsabilidades da administración local e reclama que unha pista cun uso diario tan elevado non quede sen a atención necesaria.

0.16226506233215