Os veciños do Castiñeiro reclaman actuacións urxentes ante o deterioro das rúas do barrio

A Asociación de Veciños e Comerciantes Poeta Díaz Castro do barrio do Castiñeiro trasladou á Concellería de Vías e Obras do Concello de Lugo a situación de deterioro que, segundo denuncia, presenta o barrio e que a entidade leva documentando durante as últimas semanas.
Un dos puntos sinalados pola asociación é a rúa López Guntín, onde a maleza invade completamente as beirarrúas e dificulta o tránsito dos peóns. A entidade alerta de que, nalgúns casos, os viandantes vense obrigados a baixar á calzada para poder continuar o seu percorrido.
Na rúa Poeta Díaz Castro, pola súa banda, as beirarrúas presentan numerosas deficiencias, con baldosas levantadas e diferentes zonas deterioradas que poden supoñer un risco, especialmente para persoas maiores, nenos e persoas con mobilidade reducida.
A asociación tamén pon o foco na rúa Serra de Outes, onde denuncia que a iluminación pública é deficiente e antiga. Segundo explica, esta situación provoca zonas de penumbra que poden afectar á seguridade dos veciños. A este problema súmase tamén o mal estado das beirarrúas desta vía.
A situación da rúa López Guntín repítese, segundo a entidade veciñal, debido á falta de control da vexetación, que continúa avanzando sobre o espazo destinado aos peóns e dificulta cada vez máis o paso seguro.
Ante esta situación, a Asociación de Veciños e Comerciantes Poeta Díaz Castro considera que as deficiencias detectadas requiren actuacións urxentes por parte do Concello de Lugo. Entre as intervencións que reclama figuran tarefas de limpeza viaria e desbroce, o mantemento e reparación das beirarrúas e a renovación da iluminación pública.
A entidade veciñal defende que estas actuacións permitirían mellorar as condicións de seguridade e accesibilidade das rúas do barrio e facilitar os desprazamentos diarios dos veciños.