Os Xílgaros de Lugo encaran un final de verán con actuacións en festas, cantos de taberna e tradición popular

A Asociación Cultural e Grupo Tradicional Os Xílgaros de Lugo afronta unha intensa programación estival que os levará a participar en distintas celebracións populares da provincia. A primeira das citas terá lugar o 25 de xullo, coincidindo coa festividade de Santiago Apóstolo, cando a formación realizará un pasarrúas polas diferentes zonas da parroquia natal do seu fundador, Óscar Pérez, ademais de participar na misa e na procesión, unha tradición que manteñen de maneira ininterrompida desde o ano 2014.
A actividade continuará o 26 de xullo en Castroverde, onde a agrupación formará parte dos Cantos de Taberna organizados dentro das festas de Santiago. A actuación, prevista para as 13.15 horas, contará tamén coa participación de alumnado das clases de música e baile tradicional impartidas durante o inverno por Óscar Pérez e Merche, que interpretarán diversas pezas aprendidas ao longo do curso. O grupo anima á veciñanza a sumarse cantando e bailando xunto ao resto das formacións participantes.
Para pechar o mes, o 29 de xullo, Os Xílgaros amenizarán a tradicional Festa do Milagro de San Vicente, na Praza do Campo de Lugo, a partir das 20.30 horas. A celebración, coñecida porque a fonte da praza mana viño polos seus canos, volverá converter o casco histórico nun punto de encontro para a música e a tradición popular.
Xa no mes de agosto, a agrupación ten confirmada a súa presenza o 16 de agosto nos Domingos Folclóricos de Portomarín. Pola contra, este ano non poderá asistir ao Folión de Carros de Chantada por motivos internos do grupo, malia agradecer á organización que contase con eles unha edición máis e animar á cidadanía a asistir a unha das festas tradicionais máis destacadas de Galicia.
De cara aos próximos meses, Os Xílgaros non descartan incorporar novas actuacións en setembro e traballan tamén coa intención de recuperar a súa XI Foliada Magosto 2026, prevista inicialmente para novembro. A agrupación convida ás persoas interesadas a seguir a súa actividade a través das redes sociais, onde irá anunciando as próximas actuacións.
Ademais, Os Xílgaros desenvolveron un primeiro semestre moi intenso,actuando na Polavila Naviega, no cocido do barrio de San Antonio, nos Cantos de Taberna de Baralla e na conmemoración do Día das Letras Galegas na Galiña Azul, achegando aos máis pequenos a música, o baile e os instrumentos tradicionais galegos. Tamén colaboraron no Reto 24 horas polo Autismo e estiveron presentes en dúas das celebracións máis emblemáticas de Lugo, o Corpus Christi e a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia na Catedral, unha cita na que levan máis de doce anos participando, renovando cada edición o seu repertorio. A isto súmanse actuacións en festas parroquiais de Castromaior (Abadín), A Regueira (A Pastoriza) e Taboi (Outeiro de Rei), así como a súa participación o pasado 4 de xullo na XVIII Feira de Artesanía das Casas da Fortaleza, en Outeiro de Rei.
Fundada, presidida e dirixida por Óscar Pérez, a agrupación continúa apostando pola divulgación do patrimonio musical galego mediante actuacións, actividades formativas e iniciativas que contribúen a manter vivas as tradicións populares, consolidando un percorrido de máis dunha década sobre os escenarios e nas principais celebracións culturais da provincia.