Os Xílgaros de Lugo recuperan o seu pasarrúas no San Froilán e preparan a XI Foliada Magosto

A A.C. e Grupo Tradicional Os Xílgaros de Lugo afronta unha nova etapa marcada pola incorporación de novos integrantes e por unha programación de actuacións vinculada á música e ás tradicións galegas. A agrupación, fundada, presidida e dirixida por Óscar Pérez, participou ao longo deste ano en diferentes actividades e celebracións tanto na cidade de Lugo como noutras localidades da provincia.
Entre as súas actuacións figuran a Polavila Naviega, o Cocido do Barrio de San Antonio e diferentes Cantos de Taberna en Baralla e Castroverde. O grupo tamén participou nas actividades do Día das Letras Galegas na Galiña Azul, onde achegou a nenos e nenas a música e o baile tradicional a través de instrumentos, danzas e cancións, así como no Reto 24h polo Autismo.
Unha das citas máis destacadas do calendario foi a participación no Corpus Christi e na Ofrenda do Antigo Reino de Galicia na Catedral de Lugo, unha celebración na que Os Xílgaros de Lugo leva máis de doce anos presente, incorporando repertorio específico e novas propostas.
A agrupación tamén levou a súa música a festas e celebracións en diferentes parroquias e concellos, entre elas Castromaior, en Abadín; A Regueira, na Pastoriza; Taboi, en Outeiro de Rei; e as Casas da Fortaleza, con motivo da XVIII Feira de Artesanía de Outeiro de Rei. Tamén participou nas festas de Santiago de Castelo, vinculadas ao Santiago Apóstolo, unha celebración coa que Óscar Pérez colaborou no regreso das festas patronais en 2015 xunto con outros compañeiros e veciños da parroquia, despois de que deixasen de celebrarse.
O calendario incluíu ademais a festa do Milagro de San Vicente, no casco histórico de Lugo, os Domingos Folclóricos de Portomarín e o Folión de Carros de Chantada. Nesta última celebración, aínda que o grupo non puido actuar este ano, Óscar Pérez participou como membro do xurado e convidado pola súa traxectoria e colaboración coa festa.
Agora, Os Xílgaros de Lugo regresarán ao programa oficial do San Froilán despois de tres anos sen formar parte del. Durante ese período, a agrupación continuou vinculada ás festas da cidade a través doutras participacións, como as súas actuacións en directo no programa da TVG Aquí Galicia desde o Parque de Rosalía de Castro en 2024 e 2025.
O regreso producirase este sábado, 10 de outubro, cun pasarrúas que comezará ás 19:00 horas na contorna de Augas Férreas e Alfonso X. A agrupación levará a estes barrios música tradicional e ambiente festivo cunha formación renovada e novos integrantes.
A seguinte gran cita da agrupación será a XI Foliada Magosto 2026, prevista para o sábado 14 de novembro, ás 19:00 horas, na Taberna do Pazo, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.
A cita, xa consolidada como unha das principais foliadas organizadas polo grupo, contará coa participación de diferentes formacións e colaboradores. A organización anima a veciñanza a participar nunha tarde de música e tradición na que haberá castañas asadas de balde, sorteo de premios e unha foliada aberta na que o público poderá levar os seus propios instrumentos para tocar, cantar e bailar.