Outeiro de Rei acollerá unha exposición sobre a violencia de xénero ata o día 2

LugoXa | TerraChaXa
Poderá visitarse na Casa da Cultura local, en horario de 10.00 a 14.30 horas
casa-da-cultura-outeiro-de-rei
20 Nov 2026

O Concello de Outeiro de Rei, no marco do acordo de colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para a creación dunha Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, acollerá a exposición fotográfica Express-Arte, unha perspectiva de diferentes realidades desde a arte.

Esta iniciativa foi creada no marco do Programa de inserción laboral para vítimas da violencia de xénero, impulsado pola Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses (AXEL), e ten como finalidade achegar á cidadanía diferentes realidades e experiencias a través da expresión artística e a fotografía.

Esta mostra recolle o traballo artístico realizado por 15 mulleres vítimas de violencia de xénero; cada unha das 15 participantes posa recreando a escena e composición dunha obra de arte recoñecida, como La Gioconda de Leonardo da Vinci ou La simpática vestida de Goya, convertendo o cadro orixinal nunha fotografía contemporánea.

Todas as fotografías ofrecen unha perspectiva diferente, desde un enfoque de xénero, das realidades representadas en cada unha das imaxes. As fotografías foron realizadas polo artista Juan Rivas.

A exposición constitúe unha oportunidade para visibilizar distintas perspectivas sociais e humanas, promovendo a reflexión sobre a igualdade, a prevención da violencia de xénero e a importancia de construír unha sociedade baseada no respecto, a liberdade e a igualdade de oportunidades.

O Concello de Outeiro de Rei acollerá esta mostra que permanecerá aberta ao público do 23 de novembro ao día 2 de decembro, na Casa da Cultura de Outeiro de Rei, en horario de 10.00 h a 14.30 h.

0.15894794464111