Outeiro de Rei convoca o Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2026

LugoXa | TerraChaXa
A temática escollida para esta edición é Medrar lendo, unha proposta que invita aos participantes a reflexionar sobre a importancia da lectura ao longo da vida
tablet-literatura-libros-diccionario-poesia
2 May 2026

A Biblioteca Pública Municipal de Outeiro de Rei vén de convocar o Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2026 na súa fase local, unha iniciativa dirixida a rapaces e rapazas empadroados no municipio ou matriculados no Colexio Público Laverde Ruíz co obxectivo de fomentar a creatividade e o uso da lingua galega entre a mocidade.

O certame establece tres categorías en función da idade das persoas participantes: a categoría A, para nenos e nenas de ata 8 anos; a categoría B, de 9 a 11 anos; e a categoría C, de 12 a 16 anos. Os escolares poderán presentar narracións en galego cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, así como debuxos realizados sobre papel ou cartolina en formato DIN A4.

A temática escollida para esta edición é Medrar lendo, unha proposta que invita aos participantes a reflexionar sobre a importancia da lectura ao longo da vida. Dende a organización anímase a lembrar e expresar aqueles momentos especiais nos que os libros se converteron en compañeiros fundamentais, axudando a comprender o mundo, a sentirse acompañado ou a imaxinar novas historias e camiños.

O prazo de presentación dos traballos estará aberto ata o vindeiro 11 de maio. As obras poderán entregarse tanto na Biblioteca Pública Municipal como na conserxaría do centro educativo. Con esta iniciativa, o Concello aposta por promover o hábito lector e a expresión artística entre a infancia e a adolescencia, coincidindo coa celebración das Letras Galegas.

0.1286358833313