Outeiro de Rei firma o convenio para dotar ao concello dun Centro de Día

A Xunta colabora co Concello de Outeiro de Rei no obxectivo de dotar ao municipio lucense dun Centro de Día, no encontro das rúas de Manuel María e do Pazo.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral da Consellería, Yago Borrajo, asinou esta tarde co alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, un convenio de colaboración para acometer a segunda fase da construción dun Centro de Día. Neste acto, tamén estivo o director territorial da Xunta en Lugo, Marco Antonio Fernández Piñeiro.
En concreto, a través do convenio asinado hoxe, trátase de levar a cabo a construción dunha nova edificación na rúa Manuel María, s/n, a rehabilitación dunha edificación auxiliar existente e a integración dos novos espazos coa planta baixa da antiga Casa Reitoral de Outeiro de Rei, rehabilitada recentemente. O conxunto permitirá desenvolver actividades asistenciais, terapéuticas, sociais e de lecer propias dun centro de día.
Trátase da concesión dun préstamo, sen xuros, do Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes, que suma un importe de case 155.000 euros (154.989,72€). O orzamento total da actuación roldará os 624.000 euros (623.958,45€).
Esta intervención desenvolverase mediante a iniciativa da Xunta que está destinada a financiar actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, dotado con algo más de 3M€. Trátase de préstamos sen xuros que os concellos poden devolver no prazo máximo de 8 anos.
Este préstamo sen xuros ao concello de Outeiro de Rei correspóndese á convocatoria 2025 desta liña de achegas, que estará aberta ata o vindeiro 15 de outubro.