Pablo Rivera participa en Ponferrada no Encontro da Rede de Centros de Innovación Territorial

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Esta é a terceira edición do evento, no que se inclúen diferentes relatorios sobre a mobilidade, o transporte ou as oportunidades da enerxía para os territorios
pablo-rivera-pontevedra
16 Apr 2026

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, asistiu este mércores no museo La Térmica Cultural en Ponferrada ao III Encontro Nacional da Rede de Centros de Innovación Territorial que organiza o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), en colaboración coa Rede CIT e a Fundación Cidade da Enerxía (CIUDEN). O obxectivo deste evento é promover a innovación, a colaboración público-privada e a cohesión social no ámbito rural.

Rivera Capón recordou que a Deputación de Lugo forma parte desta Rede e mantén un convenio de colaboración con este Ministerio por case 1M€ destinado a frear o despoboamento e dinamizar o rural. O acordo ten por obxectivo a creación dun marco de cooperación entre o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e a institución provincial para impulsar unha plataforma de coordinación pública e privada que permita mobilizar financiación e coñecemento co obxectivo de dinamizar a economía local, xerar emprego e fixar poboación. Nese sentido, tamén se inclúe a posta en marcha de iniciativas sociais e tecnolóxicas, a conexión do territorio coas universidades, centros de investigación e empresas para transferir innovación.

O evento inclúe unha ampla programación, que se está a celebrar durante todo o día, con faladoiros sobre mobilidade, transporte ou as oportunidades da enerxía para os territorios. Ademais, tamén tivo lugar un espazo de diálogo entre a Vicepresidenta e Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen, e o profesor da Universidade Sorbona de París, Carlos Moreno. Pola tarde, a cita incluirá tamén a participación do Secretario Xeral para o Reto Demográfico, Paco Boya, e o director de cine, Oliver Laxe.

A xornada de mañá, á que tamén asistirá persoal técnico da Deputación de Lugo, continuará cunha reunión interna dos equipos que conforman a Rede CIT, conformada nestes momentos por 26 territorios. Neste encontro, abordaranse temáticas relacionadas coa transición ecolóxica para a transformación económica, o relevo xeracional, a xestión paisaxística e a mobilidade rural.

0.12423086166382