Palas de Rei acolle a exposición 'A Casa de Galicia. 50 anos da casa de Rosalía'

LugoXa
A mostra, que poderá verse na Praza do Concello ata o 11 de novembro, está producida pola Fundación Rosalía e comisariada por Pepe Barro
A-Casa-de-Rosalía-mostra-Palas-de-Rei
31 Out 2024

Palas de Rei acolle a exposición 'A Casa de Galicia. 50 anos da casa de Rosalía', sobre a restauración e musealización da Casa da Matanza de Padrón, onde Rosalía de Castro pasou os últimos anos da súa vida.

A deputada de Cultura, Iria Castro, e o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, inauguraron a mostra, que chega ao Concello no marco dunha itinerancia promovida pola Vicepresidencia da Deputación que suma unha vintena de localidades.

Iria Castro agradeceu a acollida en Palas de Rei desta mostra, “que procura a presenza na rúa e nos espazos comúns dunha autora que é referente cultural, pero tamén feminista e de compromiso social, como facemos con outras iniciativas como a realización de murais homenaxe en centros educativos”.

A mostra, que poderá verse na Praza do Concello ata o 11 de novembro, está producida pola Fundación Rosalía e comisariada por Pepe Barro, autor da última renovación museolóxica da Casa-Museo de Rosalía de Castro, está formada por paneis inseridos nunha estrutura que evoca distintas estancias dunha casa.

O contido, elaborado con reproducións de documentos, fotografía e textos que repasan a historia do propio edificio e do esforzo colectivo que impulsou a súa apertura como museo, articúlase en seis capítulos diferenciados: A casa e o tren: o porqué da elección da morada; Rosalía na Casa: a escritora vive alí entre 1882 e 1885; Unha Casa santuario: as iniciativas da compra entre 1900 e 1940 - A causa da Casa: Xosé Mosquera e a compra en 1946; O Padroado da Casa: Galeguistas, progresistas e “ben vistos”; e A Casa de Galicia: Entre 1971 e 1972, ábrese a Casa coas achegas de miles de galegas e galegos.

0.2013418674469