Palas de Rei acollerá o 9 de maio o teatro de monicreques “As sete boinas do aviador”

A Casa de Cultura de Palas de Rei será escenario o sábado 9 de maio da representación teatral de monicreques As sete boinas do aviador, unha proposta da compañía Fantoches Baj incluída no programa FalaRedes.
A obra, dirixida a todos os públicos, recrea a fazaña do galego Joaquín Loriga, quen hai agora 100 anos cruzou os ceos para completar o histórico raid Madrid-Manila, unha das grandes aventuras aeronáuticas da época.
Durante este mes de maio, ademais de Palas de Rei, a iniciativa tamén chegará aos concellos de Ponteceso, Mugardos, Teo e Vilagarcía de Arousa da man da Rede de Dinamización Lingüística, que impulsa esta actividade cultural e de promoción da lingua.