Palas de Rei avanza na construción das instalacións permanentes da ITV, cunha apertura prevista para finais de 2027

LugoXa
Augas de Galicia e Patrimonio emitiron informes favorables e o Concello xa concedeu a licenza de obra para un proxecto que suporá un investimento superior aos 3 millóns de euros
proxecto-ITV-Palas-de-Rei
9 Sep 2026

Palas de Rei dá un novo paso para facer realidade as instalacións permanentes da Inspección Técnica de Vehículos (ITV), despois de recibir os informes favorables de Augas de Galicia e Patrimonio necesarios para avanzar na construción do centro.

O Concello de Palas de Rei tamén concedeu a correspondente licenza municipal de obra e procedeu á liquidación das taxas do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), que ascenden a preto de 50.000 euros.

O proxecto contempla un orzamento de execución das obras próximo aos 2 millóns de euros. A esta cantidade sumarase o investimento necesario para o equipamento e a maquinaria, polo que o desembolso total para a posta en marcha da ITV permanente superará os 3 millóns de euros.

As obras desenvolveranse de maneira simultánea cos traballos de urbanización da terceira fase do Parque Empresarial de Palas de Rei. Está previsto que os traballos comecen antes de que remate o ano e o contrato de urbanización conta cun orzamento aproximado de 2,4 millóns de euros.

Ademais das parcelas necesarias para as instalacións da ITV, esta ampliación do parque empresarial permitirá dispoñer de novos espazos que posteriormente se poñerán á disposición de empresarios locais que precisen solo para desenvolver a súa actividade.

Segundo os prazos estimados, a ITV permanente de Palas de Rei podería abrir as súas portas a finais de 2027 ou durante o primeiro trimestre de 2028. A posta en funcionamento do centro implicará tamén a contratación do persoal necesario, que se estima en arredor dunha ducia de traballadores.

Estas instalacións permitirán prestar servizo non só aos veciños de Palas de Rei, senón tamén aos municipios da comarca da Ulloa e a outros concellos limítrofes situados no centro de Galicia.

0.16198110580444