Palas de Rei completa a mellora de preto de 230 quilómetros de pistas agrícolas e forestais

LugoXa
O Concello e a Consellería do Medio Rural investiron máis de 250.000 euros nun plan que abrangue a maior parte das parroquias do municipio
concello-palas
22 Jul 2026

O Concello de Palas de Rei deu por rematado un plan de recuperación e acondicionamento de vías agrícolas e forestais que permitiu actuar en preto de 230 quilómetros de pistas distribuídas pola práctica totalidade das parroquias do municipio.

A maior parte das intervencións realizáronse en vías sen pavimentar, co obxectivo de mellorar o acceso ás explotacións agrícolas e gandeiras, así como ás propiedades forestais. Desde o Concello destacan que estas actuacións contribuirán a facilitar o traballo diario dos profesionais do sector primario, revalorizarán os terreos forestais e reforzarán as tarefas de prevención fronte aos incendios.

Os traballos supuxeron un investimento superior aos 250.000 euros e foron executados grazas á colaboración entre a Consellería do Medio Rural e o Concello de Palas de Rei.

O alcalde, Pablo Taboada, agradeceu o apoio da Administración autonómica e, en particular, da Consellería do Medio Rural, polo "importante esforzo" realizado no municipio. Segundo sinalou, esta colaboración permitirá seguir impulsando uns sectores "tan importantes para o rural galego" como son o agropecuario e o forestal.

0.12745380401611