Palas de Rei converterase nun escenario teatral ao aire libre coa XV edición do Son d´Aldea

LugoXa
San Miguel de Coence, Santiago de Albá e Santo Xusto acollerán os días 4 e 5 de setembro un encontro cultural centrado nas vidas dos caseiros e no patrimonio rural
Son-d'Aldea-Palas-de-Rei-26
28 Aug 2026

As aldeas de San Miguel de Coence, Santiago de Albá e Santo Xusto, no municipio de Palas de Rei, converteranse os días 4 e 5 de setembro nun gran escenario teatral ao aire libre coa celebración da décimo quinta edición do Son d´Aldea. O encontro cultural contará un ano máis coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A programación desta edición xirará arredor dos caseiros, das familias arrendatarias que durante décadas viviron sometidas ás esixencias e aos caprichos dos "amos". Esta realidade será o fío condutor das representacións que forman parte do roteiro teatral, unha das principais actividades do encontro.

A deputada de Cultura, Iria Castro, participou na presentación desta nova edición e destacou a continuidade dun evento que considera unha das propostas culturais máis singulares da provincia de Lugo. Castro felicitou ao colectivo Son d´Aldea e á veciñanza de Palas de Rei por manter vivo este encontro, que definiu como "unha mostra de amor ao rural, á lingua e á tradición".

A programación completarase con actividades culturais, musicais e lúdicas durante as dúas xornadas.

O venres 4 de setembro, a actividade comezará ás 16:30 horas coa recepción dos participantes. Ás 17:00 horas celebrarase a mesa de debate "Das miserias ás reivindicacións: dos caseiros ao bravú", coa participación de Xurxo Souto e Xoán Carlos García Porral.

Ás 19:00 horas terá lugar a presentación dos libros "Pantasmadas", de Andrea García Martínez, "Son d´Aldea 2013-14" e "Son d´Aldea 2025: A benvida". Ás 20:30 horas será a quenda da actuación de Inma Soto, con "Xela, a superheroína de aldea", e a xornada rematará ás 21:30 horas cunha cea na aldea.

O sábado 5 de setembro, a programación arrancará ás 9:30 horas coa recepción na aldea de San Miguel de Coence. Ás 10:00 horas comezará o roteiro teatral, que dará paso ás 14:30 horas ao xantar na aldea.

Pola tarde, ás 16:30 horas, terá lugar a entrega de premios. A partir das 17:00 horas, a aldea acollerá unha mostra de oficios artesáns e artesanía alimentaria, ademais de xogos populares con Xotramu.

A música será a encargada de pechar a programación. Ás 19:30 horas actuará As Pías e, ás 21:00 horas, será a quenda de Ardentía.

0.16012501716614