Palas de Rei e Monterroso melloran os accesos a Carteire e Montecalvo coa conexión coa N-547

Os núcleos de Carteire, en Palas de Rei, e Montecalvo, en Monterroso, contarán con accesos renovados grazas a unhas obras de aglomerado que permitirán mellorar a conexión coa estrada N-547. Os alcaldes de ambos os municipios, Pablo Taboada e Eloy Pérez, visitaron os traballos para comprobar a evolución dunha actuación conxunta destinada a facilitar os desprazamentos da veciñanza.
A intervención conta co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Administración Local, dependente da Consellería de Presidencia. Os rexedores agradeceron esta achega, que permite executar unhas melloras que repercutirán directamente na mobilidade diaria de máis de 150 persoas residentes nos núcleos da contorna.
A renovación do firme busca mellorar as condicións de circulación e facilitar o acceso á N-547, unha vía de comunicación importante para os desprazamentos da poboación destas zonas rurais.
Durante a visita, Taboada e Pérez destacaron o valor da cooperación entre administracións para impulsar actuacións que, pola súa dimensión ou polos recursos dispoñibles, resultan máis difíciles de acometer de maneira individual.
Ambos os alcaldes valoraron positivamente este tipo de intervencións compartidas, que contribúen a mellorar os servizos e a calidade de vida da veciñanza en núcleos rurais con menos recursos.