Palas de Rei inicia un plan de rexeneración e formigonado de vías cun investimento de 1,25 millóns de euros

O Concello de Palas de Rei deu comezo á execución dun Plan de Rexeneración e Formigonado de vías e núcleos de poboación que mobilizará un investimento total de 1.250.000 euros. A actuación estará financiada con arredor de 500.000 euros achegados pola Xunta de Galicia, 300.000 euros da Deputación Provincial de Lugo e 450.000 euros de fondos propios municipais.
Os traballos iniciáronse nos últimos días co aglomerado da rúa Agro do Rolo, no casco urbano palense, e estenderanse progresivamente á práctica totalidade das parroquias do municipio.
Do investimento total previsto, 1.050.000 euros destinaranse a actuacións de aglomerado para mellorar o firme de estradas e vías municipais, mentres que preto de 200.000 euros permitirán executar obras de formigonado nos núcleos de poboación nos que aínda está pendente este tipo de melloras.
O Concello sinala que este plan permitirá renovar numerosas infraestruturas viarias e incrementar a seguridade e a comodidade dos desprazamentos, tanto para os veciños como para os usuarios das vías municipais. O prazo previsto para a execución das actuacións é dun ano.