Palas de Rei organiza a VII Andaina contra a violencia de xénero ata o Castelo de Pambre

Palas de Rei acollerá o 22 de novembro a “VII Andaina contra a Violencia de Xénero ao Castelo de Pambre”, unha cita que se enmarca na conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, e que procura unir deporte, solidariedade e compromiso social na loita contra esta lacra. A iniciativa busca visibilizar a problemática e fomentar valores como o respecto e a igualdade entre homes e mulleres.
A saída da marcha está prevista para as 11:00 horas diante da Casa do Concello, na Avenida de Compostela número 28. Desde alí, as persoas participantes cubrirán un percorrido de oito quilómetros ata o Castelo de Pambre, emblema do municipio e da comarca da Ulloa, pasando polas parroquias do Carballal, Curbian, A Ulloa e Sambreixo. O evento celebrarase baixo o lema “Palas de Rei di non á violencia de xénero”, cunha mensaxe clara de rexeitamento e sensibilización perante todas as formas de violencia machista.
O Concello, a través do Centro de Información á Muller, anima á participación tanto da veciñanza de Palas de Rei como de persoas chegadas doutros municipios, así como asociacións e colectivos. A inscrición é gratuíta e pode formalizarse nas dependencias municipais ou no CIM, chamando aos números 982 380 003 ou 629 324 528. Ao remate da ruta, a organización facilitará transporte de volta ao punto de partida.
Nesta edición, a andaina conta co apoio do grupo empresarial Jim Sport, con sede en Palas de Rei, que colabora como socio estratéxico reafirmando o seu compromiso coa igualdade e cunha sociedade libre de violencia de xénero.