Palas de Rei organiza unha andaina, actividades educativas e obradoiros polo 25N

O Concello de Palas de Rei, a través do Centro de Información á Muller (CIM), organizará entre o 21 e o 30 de novembro un programa de actividades con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se conmemora o 25 de novembro. Baixo o lema "Palas de Rei di non á violencia de xénero", a iniciativa combinará propostas deportivas, accións educativas e actos de sensibilización dirixidos á cidadanía e á mocidade.
A programación comezará o sábado 21 coa VIII Andaina contra a Violencia de Xénero, que sairá ás 11:00 horas da porta do Concello, na avenida de Compostela, número 28. O percorrido, de oito quilómetros, atravesará as parroquias do Carballal, Curbian, A Ulloa e Sambreixo ata chegar ao Castelo de Pambre. A actividade, que conta coa colaboración de Jim Sport, busca unir deporte e convivencia coa reivindicación da igualdade e dunha sociedade libre de violencia machista. A participación é gratuíta, pero require inscrición previa no Concello ou no CIM. Tamén haberá transporte de volta gratuíto.
O mércores 25 de novembro, ás 10:30 horas, o CEIP de Palas de Rei acollerá a actividade "Ilustracións e Contos contra a Violencia de Xénero", impartida pola psicóloga do CIM e destinada ao alumnado de Educación Infantil. A proposta pretende traballar a igualdade e o respecto desde os primeiros anos.
Ese mesmo día, ás 12:30 horas, celebrarase na Praza do Concello o acto central da conmemoración, cun minuto de silencio en memoria das vítimas e a lectura dun manifesto contra a violencia de xénero. Participarán o CEIP de Palas de Rei e o IES do Camiño, e a lectura correrá a cargo dun alumno ou alumna do instituto. O Concello convida a toda a cidadanía a sumarse ao acto.
A programación rematará o luns 30 de novembro co obradoiro formativo "Conectad@s", que se desenvolverá no IES do Camiño en dúas sesións, ás 9:20 e ás 9:50 horas, cunha duración aproximada dunha hora e media. A actividade, impartida pola entidade Aliad Ultreia, está dirixida á mocidade e ao alumnado a partir dos 16 anos.
O obradoiro abordará a construción de relacións afectivas desde os coidados e o bo trato, tendo en conta as novas formas de relación e o uso das tecnoloxías. Tamén tratará a prevención da violencia de xénero entre a mocidade, a captación de mulleres novas para a prostitución e a eliminación da demanda. A iniciativa enmárcase no acordo de colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade e a Fegamp para impulsar unha rede de entidades locais contra a violencia de xénero.
Para participar na andaina é necesario inscribirse previamente e de balde no Concello ou no CIM. As persoas interesadas poden solicitar máis información no teléfono 982 380 003, do CIM, ou no 629 324 528, do departamento de Cultura.