Palas de Rei sitúa a súa taxa de desemprego por baixo do 5%, a menor da zona

LugoXa
O municipio pasa do máximo do 18,62% alcanzado en 2012 a unha taxa considerada residual, mentres o Concello confía en que novos proxectos xeren máis de 100 empregos
concello-palas
5 Oct 2026

Palas de Rei rexistra actualmente unha taxa de desemprego do 4,94%, a menor da zona, segundo os datos históricos dos últimos 20 anos. A cifra, inferior ao 5% e considerada residual, confirma a evolución descendente do desemprego no municipio ao longo dos últimos anos.
A evolución foi especialmente significativa desde o máximo histórico do 18,62% alcanzado en 2012. Desde entón, a taxa foi reducindo de maneira constante e progresiva ano tras ano ata situarse na actualidade no 4,94%.

O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, considera que se trata de "datos moi positivos para o Concello de Palas de Rei", xa que, segundo destaca, "practicamente estamos ante unha taxa residual".

O rexedor atribúe esta evolución, entre outros factores, á aposta realizada polo Concello polo tecido empresarial. Neste sentido, salienta que Palas de Rei é o municipio con maior investimento privado por habitante de toda a provincia. Tamén destaca o desenvolvemento experimentado durante estes anos polos sectores turístico e agrogandeiro.

Taboada considera, con todo, que é necesario "seguir traballando para manter estes datos" e confía en que a actividade económica continúe medrando coa posta en marcha de diferentes proxectos actualmente en execución ou desenvolvemento no municipio.

Entre estas iniciativas atópanse a ITV Comarcal, a ampliación de Campomayor, o desenvolvemento das instalacións da planta de Bioflytech, o Centro de Datos e a nova Residencia de Maiores.

Segundo o alcalde, estes proxectos permitirán reforzar a actividade económica local e poderían xerar "máis de 100 empregos no municipio", contribuíndo así a manter a evolución positiva dos últimos anos e a consolidar a actual situación do mercado laboral de Palas de Rei.

0.11649894714355