Palas de Rei solicita 400.000 euros á Xunta para rehabilitar integralmente a Casa da Cultura

LugoXa
O proxecto permitirá mellorar o edificio, ampliar servizos municipais e renovar o salón de actos e os espazos interiores
Casa-da-Cultura-Palas-de-Rei
15 May 2026

Palas de Rei solicitará unha axuda de 400.000 euros á Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia ao abeiro da orde de Proxectos Estratéxicos para acometer a rexeneración e mellora integral da Casa da Cultura do municipio.

O edificio xa acolle na actualidade distintos servizos municipais, entre eles a Escola Infantil e a emisora local Radio Palas FM, e coa actuación prevista preténdese reorganizar e ampliar os espazos dispoñibles para incorporar novos servizos como a Aula de Música ou a Escola de Teatro, entre outros.

As obras inclúen a instalación dunha nova cuberta sobre a edificación, así como o reacondicionamento completo das dependencias situadas no primeiro e segundo andar. Ademais, os traballos contemplan tamén a renovación da cuberta e dos espazos interiores do Salón de Actos.

Desde o Concello destacan que esta actuación permitirá mellorar a funcionalidade do edificio e reforzar a oferta cultural e educativa municipal, centralizando diferentes servizos nun mesmo espazo adaptado ás necesidades actuais.

0.11805605888367