Paquito D’Rivera inaugura o Festival de Jazz de Lugo cun concerto no Auditorio Fuxan Os Ventos

LugoXa
O saxofonista cubano, galardoado con 18 premios Grammy, actuará este mércores 4 de novembro xunto ao pianista Pepe Rivero e ao vibrafonista Sebastián Laverde
Paquito-D'Rivera-Trio-Foto-Javier-Monteverde
Foto de Javier Monteverde
4 Nov 2026

O Festival de Jazz de Lugo arrinca este mércores 4 de novembro cunha actuación de luxo: a do saxofonista cubano Paquito D’Rivera, que visitará por primeira vez a cidade para ofrecer un concerto ás 20:30 horas no Auditorio Fuxan Os Ventos. Estará acompañado polo pianista Pepe Rivero e polo vibrafonista e percusionista colombiano Sebastián Laverde.

Con máis de 70 anos de traxectoria musical e 18 premios Grammy, D’Rivera é unha das grandes figuras da música afrocubana e do latin jazz. No concerto interpretarán temas de 'La Fleur de Cayenne', traballo recoñecido co Latin Grammy ao Mellor Álbum de Jazz Latino en 2025, no que combinan o jazz con ritmos e influencias de Cuba, Venezuela e Arxentina.

O músico expresou o seu especial vínculo con Galicia, onde actuou en anteriores ocasións xunto á gaiteira e pianista Cristina Pato e coñeceu o violinista cubano-galego Eduardo Coma, impulsor do quinteto de corda 'Cimarrón'.

O pianista Pepe Rivero, formado na tradición clásica na Habana, desenvolveu unha linguaxe propia na que mestura o jazz latino con xéneros como o flamenco e a bossa-nova. Pola súa banda, Sebastián Laverde, graduado no Berklee College of Music de Boston, traballou con destacados artistas do jazz e da música latina e compaxina a súa actividade como intérprete coa composición e a produción musical.

PROGRAMA COMPLETO DO FESTIVAL DE JAZZ DE LUGO 2026

0.15106391906738