Paradai acollerá 59 vivendas públicas impulsadas pola Xunta cun investimento de 10,7 millóns de euros

LugoXa
O proxecto en Lugo forma parte do plan autonómico que supera as 600 vivendas en marcha na cidade
vivendas-públicas-en-Paradai-lugo-PP
12 May 2026

A Xunta de Galicia sacou a licitación as obras para a construción de 59 vivendas públicas no barrio de Paradai cun investimento previsto de 10,7 millóns de euros.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, deu conta desta actuación, que xa aparece recollida na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia tras ser autorizada polo Consello da Xunta hai apenas unha semana.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 29 de xuño. As vivendas financiaranse con fondos propios da comunidade autónoma e levantaranse nunha parcela obtida mediante unha permuta co Concello de Lugo. O proxecto contempla un edificio de baixo e seis alturas situado nunha zona urbana consolidada, próximo á estación de ferrocarril e a un eixo viario que funciona como circunvalación da cidade.

As vivendas serán de 2, 3 e 4 dormitorios, con criterios de accesibilidade, eficiencia enerxética e calidade construtiva, e terán cualificación permanente de protección pública. Estarán destinadas ás persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda do Concello de Lugo.

A conselleira destacou o compromiso da Xunta coa ampliación do parque público de vivenda na cidade, onde xa están en marcha máis de 600 vivendas. A maior parte concéntrase no barrio de Garabolos, onde xa se executan 146 fogares e onde recentemente se licitaron outras 152 vivendas públicas por un importe de 26,5 millóns de euros.

Ademais, o Goberno galego ten en fase de redacción o proxecto para a construción de 50 aloxamentos temporais para menores de 36 anos na rúa Illa Coelleira, co obxectivo de ampliar as alternativas residenciais para a mocidade.

A Xunta tamén está a impulsar cambios nas condicións de acceso á vivenda pública, ampliando os límites de renda ata catro veces o IPREM e ata 4,5 no caso de familias numerosas, co obxectivo de facilitar que máis galegos poidan optar a este tipo de inmobles.

0.095356941223145