Pepe Bermúdez: “A esgrima é un dos deportes máis seguros que existen”

LugoXa
José Luis Bermúdez Salinas, máis coñecido como Pepe Bermúdez, é o adestrador e presidente do Club Lugo Esgrima
Club-Esgrima-Lugo
20 May 2026

Jessica Fernández

Cando xorde o Club Lugo Esgrima?

Eu comecei na esgrima no ano 2003-2004, cando estaba en Santiago. José Goas e eu comezamos a adestrar no club de esgrima de Compostela da man de Maese Piñeiro, e ao ano seguinte, José Goas decidiu fundar o Club Lugo Esgrima xunto cos membros de Santiago. En Santiago segue o club, que é COMES - Compostela Esgrima, e en Lugo, Club Lugo Esgrima, que é fillo do Comes. Como xa viña practicando con eles, co tempo acabou tocándome a min asumir a Presidencia, mentres que Iago Fernández ocupa o cargo de tesoureiro e Emily Hidalgo de secretaria.

Como valora a evolución nestes anos?

En canto á evolución, é positiva. Foise incorporando cada vez máis xente e chegou a haber grupos de nenos con participación en competicións e mesmo con premios. Porén, a crise da Covid fixo que desaparecese case a metade dos practicantes, xa que as medidas de prevención non axudaban especialmente a este deporte, no que o uso da máscara, aínda sendo habitual na esgrima, resultaba igualmente incómodo pola situación xeral. A pesar diso, a evolución é boa e continúa a medrar o número de grupos, ademais de incorporarse cada vez nenos máis pequenos. De feito, estase a competir nunha categoría M9, na que facía moito tempo que non se participaba. Actualmente, o máis pequeno, Iván Mateo, ten 8 anos, e a persoa máis maior é Carmina Pastrana, de 70 anos. Tamén temos veteranos destacados, como Ricardo Llovo e Alejandro Robledillo (Roble). En total, superamos as 30 persoas no club.

En que consiste este deporte?

A esgrima é un deporte anaeróbico que require partes de alta intensidade, velocidade, potencia e axilidade en curtos períodos de tempo. Baséase na acción-reacción, traballando a forza explosiva e a resistencia muscular, alternando esforzos intensos con breves pausas. Así, a esgrima é fundamentalmente técnica e táctica máis que puramente física, hai que ter destreza e habilidade, como o ciclismo, e unha vez que se adquiren os movementos básicos, estes mantéñense no tempo. Pódese perder algo de flexibilidade ou velocidade, pero non se esquece a técnica. Ademais, hai un aspecto especialmente interesante: cada deportista desenvolve o seu propio estilo. Existen estilos moi diferentes que poden ser efectivos fronte a outros, o que crea unha dinámica moi particular, case como un xogo de estratexia, semellante a un taboleiro de xadrez no que cada peza ten o seu xeito de actuar.

Pode competir calquera?

Si, hai ligas de miniesgrima, que son as categorías máis iniciais e empézase a competir con material de plástico en lugar de aceiro inoxidable, que é o empregado nas espadas estándar. As categorías estrutúranse por idades, comezando en M9, para menores de 9 anos, e seguindo por M11, M13, M15, M17 e M21, xa en idade universitaria. A partir de aí pásase ás categorías absolutas, nas que pode competir calquera persoa independentemente da idade. Por enriba, existen tamén as categorías de veteranos, que funcionan como un sistema interxeracional. Comezan en pre-veteranos, a partir dos 30 anos, e continúan en categorías oficiais desde os maiores de 40 anos. A partir de aí establécense distintos tramos, como de 40 a 51, de 50 a 62 e máis de 65 anos, con diferentes niveis dentro da competición. Trátase dun deporte no que, aínda que algunhas persoas maiores poden ter máis dificultades co traballo cardiovascular ou co desprazamento, unha vez que se entra no seu ritmo e distancia, a capacidade técnica é sorprendente. É unha disciplina baseada na destreza.

Cales son os beneficios da esgrima?

O deporte é saúde, e a esgrima é movemento e é toma de decisións rápidas. Implica mobilidade e motricidade de todo o corpo, xa que se traballan tanto o tren superior como o tren inferior. É unha disciplina técnico-táctica na que tes que saber en todo momento o que estás a facer ti, o que está a facer o rival e, a partir de aí, tomar decisións rápidas. Require tamén reflexos, coordinación man-brazo e unha boa capacidade de reacción.

Haberá xente que teña medo de apuntar aos seus fillos pola utilización de espadas.

Ademais de que o prezo da licenza é baixa, é un dos deportes máis seguros que existen, confiando na careta e no resto do equipamento. É certo que pode aparecer algún mouratón por algún impacto da espada, pero a realidade é que, confiando na careta —que é a parte máis resistente do equipamento— non adoita haber problemas. De feito, moitas veces, cando deixamos que se proben a careta, que ademais é bastante pesada, facemos pequenas probas para que reciban golpes coa espada nela, e non ocorre nada, porque é moi resistente. Levamos varios anos sen ter que dar ningún parte por lesión. Como en calquera deporte, pode haber algún esvarón puntual, pero é algo excepcional. De feito, é máis fácil lesionarse no quecemento previo que practicando esgrima en si.

Se alguén quere apuntarse a esgrima, que ten que facer?

Os grupos de iniciación están abertos durante todo o ano co obxectivo de dar a coñecer e promover este deporte, e tamén para que a xente poida achegarse e probalo. O equipamento é completamente seguro: hai caretas totalmente resistentes, chaquetas, luvas e pantalóns especiais deseñados para a práctica da esgrima. Ademais, é moi pouco habitual que unha espada se rompa, e cando isto ocorre faino de forma plana, non en punta, o que reduce aínda máis o risco. A maiores, a roupa que se emprega está fabricada con materiais anticorte, polo que o nivel de seguridade é moi alto e a práctica considérase segura.

De aquí a ao futuro, cal é o plan no Club?

O proxecto de futuro pasa por seguir promovendo e divulgando o propio deporte, xa que a esgrima é unha disciplina minoritaria e aínda pouco coñecida. Moitas veces a xente descoñece mesmo que exista esgrima en Lugo. Tamén mantemos unha colaboración coa Asociación Lucense de Esgrima Antiga, dirixida por Manuel Campo, dedicada á esgrima histórica. Trátase de entidades independentes, pero que comparten espazos, actividades e colaboracións constantes. A sala está aberta e acolle actividades para calquera persoa que queira probar. Ademais, o ano pasado realizáronse diferentes iniciativas como a esgrima escénica dentro do Arde Lucus, con batallas e exhibicións. Este ano estamos analizando se volver preparar algo para esas datas. E no mes pasado tamén se fixo unha demostración con integrantes de ALUCEM. En xeral, estamos moi satisfeitos, xa que contamos coa capacidade formativa e coas instalacións necesarias para que unha persoa poida iniciarse desde cero ou continuar a nivel avanzado. Isto permite que quen queira poida asentarse no deporte e incluso dar o salto á competición a nivel rexional ou nacional. Mesmo estivemos preto de participar nun mundial, pero chegou a pandemia da Covid. En todo caso, contamos con nivel e seguiremos impulsando a esgrima en Lugo.

0.12676095962524