Piden máis pasos de peóns na estrada de Portomarín tras as demandas dos veciños de Piúgos
O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, xunto coa deputada Montserrat Valcárcel e a concelleira Cristina López, reuniuse en Piúgos con veciñas e veciños para presentar as propostas que a formación defenderá no vindeiro pleno municipal e no Parlamento de Galicia. O obxectivo é instar á Xunta de Galicia a mellorar a seguridade viaria na estrada de Portomarín e noutras vías de titularidade galega que comunican co concello de Lugo.
Arroxo explicou que o BNG presentou unha batería de medidas para que a Xunta actúe nestas estradas, onde a veciñanza leva tempo reclamando melloras. "Defenderemos que a Xunta de Galicia mellore as condicións das distintas estradas que afectan a núcleos de poboación de Lugo, onde a veciñanza reclama importantes melloras de seguridade viaria", afirmou. Entre as principais demandas do BNG, destaca a instalación de pasos de peóns na estrada de Portomarín, especialmente preto das paradas de bus, onde actualmente só hai un paso ao comezo, na intersección coa Estrada Vella de Santiago.
A formación tamén solicita máis pasos de peóns na estrada de Friol, que carece de calquera medida de seguridade malia atravesar tramos do Camiño Primitivo, e na estrada da Fonsagrada, atendendo ás peticións da veciñanza, que se está mobilizando para reclamar unha maior seguridade. Arroxo denunciou que estas áreas da cidade están sendo "marxinadas por parte da Xunta", e subliñou que "as veciñas e veciños teñen dereito a contar con infraestruturas e servizos seguros que se adapten ás necesidades dos seus habitantes".