Podemos Lugo reclama unha reforma das axudas para libros e material escolar

Dende o círculo de Podemos Lugo denunciaron que a reapertura do prazo das axudas para libros de texto e material escolar volve producirse “sen escoitar ás familias nin ao pequeno comercio local”, mantendo un modelo que consideran “ríxido, inxusto e afastado da realidade económica de moitas persoas”.
A voceira da formación, Ximena Cheda Tuya, criticou que a Xunta continúe sen aplicar medidas que, ao seu xuízo, serían “simples e útiles” para mellorar o funcionamento destas axudas. Entre as propostas destaca a posibilidade de empregar os cheques en varias compras ao longo do curso escolar.
“Moitas familias non poden adquirir todo o material dunha soa vez e van facendo reposicións segundo avanzan os meses. Co sistema actual, se non gastan o importe completo nun único momento, o resto pérdese. É absurdo e totalmente alleo á realidade de centos de fogares”, afirmou Cheda.
Dende Podemos Lugo consideran que permitir un uso fraccionado das axudas facilitaría a economía das familias e contribuiría tamén a fortalecer o comercio de proximidade e ás pequenas librarías galegas, ás que acusan de sufrir desde hai anos “unha competencia profundamente desigual”.
Neste sentido, a formación denunciou igualmente que a Xunta continúe sen actuar fronte á venda directa de libros de texto en numerosos centros concertados, especialmente naqueles pertencentes a grandes fundacións católicas vinculadas a editoriais.
“Non se pode falar de apoiar ao pequeno comercio mentres se permite que determinados centros educativos actúen tamén como puntos de venda, concentrando beneficios e deixando ás librarías de barrio nunha situación límite”, sinalou a voceira municipal.
Podemos Lugo insiste en que as políticas públicas en materia educativa deben “poñer no centro ás familias e non aos intereses privados de sempre”, apostando por un modelo que consideran máis transparente, flexible e xusto.
Finalmente, Ximena Cheda lembrou que “defender o acceso á educación tamén é defender o tecido comercial local, o emprego de proximidade e a vida nos barrios e nas vilas”.