Pol beneficiarase de 100.00 euros para melloras en mobilidade e espazos públicos

O Partido Popular de Pol asegura ter pechado un investimento de 100.000 euros destinado a diferentes actuacións de mellora da mobilidade e das infraestruturas municipais, co obxectivo de actuar en puntos clave do concello.
Segundo explica a portavoz popular, Nicole Grueira, os fondos permitirán rebaixar e reparar beirarrúas en mal estado, pintar prazas de estacionamento para mobilidade sostible, mellorar a iluminación dos pasos de peóns, adquirir novos colectores de lixo e crear un parque infantil.
Grueira sostén que se trata de actuacións necesarias que os veciños e veciñas levan tempo reclamando e que, ao seu xuízo, o Concello non ten executado ata o momento malia a súa importancia para o día a día da veciñanza.
O PP tamén enmarca este investimento noutras actuacións realizadas nos últimos anos en instalacións educativas do municipio, como a mellora da ludoteca, das aulas e do comedor, así como a adecuación do entorno infantil e unha achega de 10.000 euros para o tapiado das antigas vivendas dos mestres.