Portomarín abre este sábado un ciclo de relatorios sobre a ciencia que agocha o Camiño de Santiago

LugoXa
A arqueóloga Vanesa Trevín explicará no Pazo Xeral Parada, ás 17:00 horas, a historia que contan as pedras do lugar e gravarase un podcast en directo
charla-portomarin-ciencia-camino
18 Sep 2026

Portomarín será este sábado 19 de setembro a primeira parada de Camiños de Ciencia, un programa itinerante de divulgación científica que percorrerá ata novembro seis vilas do Camiño Francés e do Camiño de Inverno. A charla, titulada As pedras que falan do Camiño, terá lugar ás 17:00 horas no Pazo Xeral Parada, con entrada libre e gratuíta.

A arqueóloga Vanesa Trevín proporá un percorrido por tres épocas do municipio a través das súas pedras: o castro de Castromaior, Ben de Interese Cultural e un dos xacementos da Idade do Ferro máis importantes do noroeste peninsular, con 43.000 metros cadrados de superficie e seis séculos de ocupación á beira do Camiño; a igrexa de San Nicolao, xoia do románico vinculada aos círculos artísticos do Mestre Mateo e á Orde de San Xoán de Xerusalén, que combina función relixiosa e defensiva; e o traslado da vila a comezos dos anos sesenta, cando o encoro de Belesar anegou o Portomarín histórico e os seus monumentos se desmontaron e volveron a levantarse, pedra numerada a pedra numerada, no Monte do Cristo.

Ao finalizar a charla gravarase en directo un episodio de podcast coa participación do público, conducido por Manuel Vicente, director do programa de divulgación científica Efervesciencia da Radio Galega, e Maite Vence, directora de Observer e promotora de Camiños de Ciencia. Os asistentes recibirán ademais unha folla divulgativa sobre o patrimonio científico de Portomarín, e o programa doará ao Concello varios paneis expositivos con ese contido para que queden de forma permanente na vila.

Seis vilas, catro disciplinas

Tras Portomarín, o ciclo continuará no Barco de Valdeorras (25 de setembro, xeoloxía das Médulas), Quiroga (23 de outubro, o Xeoparque do Courel), Sarria (31 de outubro, as boticas do Camiño e as plantas medicinais), Pedrafita do Cebreiro (6 de novembro, as pallozas de Piornedo) e Rodeiro (14 de novembro, astronomía no Monte Faro). Cinco dos seis municipios teñen menos de 5.000 habitantes.

Camiños de Ciencia é un proxecto de Observer Science Tourism, consultora de turismo científico con sede en Santiago de Compostela, e baséase na guía do mesmo nome publicada en 2022, que identifica máis dun cento de puntos de interese científico ao longo de ambos os Camiños. A actividade está subvencionada pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia e o programa O Teu Xacobeo, no marco do Xacobeo 2027.

0.14671897888184