Portomarín e Sarria acollen un festival internacional de danza
Danza en el Camino, festival itinerante de creación coreográfica enmarcado no programa do Certamen Internacional de Coreografía Burgos & Nueva York, estenderá por primeira vez o seu percorrido por Galicia co apoio da Xunta. O encontro, organizado pola Junta de Castela e León coa colaboración da plataforma cultural SóLODOS, celebrará tres das súas galas de exhibición por enclaves das Rutas Xacobeas na praza da Vila de Sarria (o mércores 20), na praza da igrexa de Portomarín (o xoves 21) e na praza de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela (o venres 22)
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades brinda a súa colaboración a este festival no marco das liñas de acción do Plan Integral para a Danza de Galicia, cuxas metas e estratexias de actuación consensuáronse co sector a través dun proceso participativo do que forman parte as principais asociacións da danza e das artes do movemento.
Entre as prioridades acordadas no marco deste diálogo, atópanse a descentralización dos circuítos de exhibición da nosa danza, o fomento da proxección exterior e a colaboración con entidades, festivais e institucións de fóra de Galicia. Estres tres obxectivos conflúen no caso do Certame Internacional de Coreografía Burgos & Nueva York, unha iniciativa do Ballet Contemporáneo de Burgos que chega este ano á súa 21ª edición cun gran prestixio para a profesión artística.
Para a súa etapa galega, Danza en el Camino pasa a ser Danza no Camiño e contará no seu cartel cun espectáculo de factura galega, Estancia Paisaje. Esther Latorre e Hugo Pereira, membros do Colectivo Glovo, xunto a Fran Martínez e a Paula Quintas ofrecen nesta peza unha memoria colectiva que xorde en escena grazas a establecer unha clara relación do corpo co espazo, o territorio e a historia.
Confórmase así unha metáfora que entende peregrinar como bailar. As outras dúas obras que se poderán ver neste encontro itinerante serán Simposio, da compañía italiana Bellanda, e Dystopian, da formación afincada en Alemaña Frantics Dance Company.