Portomarín impulsa viaxes á praia durante o verán con saídas quincenais á costa galega

LugoXa
O Concello pon en marcha unha iniciativa dirixida á veciñanza con catro destinos programados entre xullo e agosto
Burela-Praia-Penaoural
4 Jul 2026

O Concello de Portomarín anunciou a posta en marcha dunha nova iniciativa para este verán coa organización de viaxes en autobús ás praias da costa galega, unha proposta que se desenvolverá con periodicidade quincenal durante os meses de xullo e agosto.

O obxectivo desta medida é facilitar á veciñanza a posibilidade de desfrutar dunha xornada de ocio e lecer na praia sen necesidade de utilizar vehículo propio, favorecendo así unha alternativa de mobilidade colectiva para os desprazamentos estivais.

O programa inclúe catro saídas previstas para este verán. A primeira realizarase o 14 de xullo con destino á praia da Madalena, en Cedeira; a segunda terá lugar o 28 de xullo na praia Xardín, en Boiro; o 11 de agosto será a quenda da praia de Covas, en Viveiro; mentres que a última viaxe está programada para o 25 de agosto á praia da Magdalena, en Cabanas.

O prezo por viaxe para as persoas empadroadas no Concello de Portomarín será de 12 euros no caso dos adultos e de 6 euros para menores de 14 anos. Pola súa parte, as persoas non empadroadas deberán aboar 16 euros no caso dos adultos e 10 euros para menores de 14 anos.

Todas as saídas realizaranse ás 08:30 horas desde a parada de autobús de Portomarín, mentres que o regreso desde as praias está previsto para as 20:00 horas. Os menores deberán acudir sempre acompañados dunha persoa adulta e a comida correrá por conta de cada participante.

As persoas interesadas deberán formalizar a inscrición e realizar o pagamento na oficina de rexistro durante a semana anterior a cada viaxe. Ademais, os asentos asignaranse seguindo estritamente a orde de inscrición.

Desde o Concello tamén sinalan que os destinos e horarios poderán sufrir modificacións en función das condicións meteorolóxicas.

0.12615895271301