Portomarín retoma as actividades de envellecemento activo para maiores de 55 anos

LugoXa
O programa 'Móvete no rural' ofrecerá sesións gratuítas de memoria e ximnasia de mantemento en Bagude, O Cruceiro, Recelle e Portomarín a partir do 8 de outubro
envellecemento-activo
1 Oct 2026

O Concello de Portomarín retomará o xoves 8 de outubro as actividades de inverno do programa de envellecemento activo 'Móvete no rural', dirixido a persoas maiores de 55 anos empadroadas no municipio. A iniciativa inclúe sesións de memoria e ximnasia de mantemento, que se desenvolverán nos locais habituais de Bagude, O Cruceiro, Recelle e Portomarín.

As actividades serán de balde e teñen como obxectivo fomentar o benestar físico e cognitivo das persoas participantes, así como favorecer un envellecemento activo e contribuír a manter a autonomía e a calidade de vida da veciñanza maior.

As sesións de memoria estarán centradas en exercicios de lembranza, actividades lúdicas e técnicas de estimulación cognitiva para traballar capacidades como a atención, a retención de información e a resolución de problemas. Pola súa banda, a ximnasia de mantemento permitirá exercitar as habilidades motoras, conservar a forma física e promover a saúde xeral.

Con esta proposta, o Concello busca achegar actividades saudables ás diferentes parroquias e facilitar que as persoas maiores poidan participar nelas sen necesidade de desprazarse fóra da súa contorna habitual.

0.1497540473938