Portomarín volverá encher agosto de música e baile cos seus Domingos Folclóricos

LugoXa
O ciclo reunirá oito agrupacións de distintos puntos de Galicia en catro actuacións que se celebrarán ás 19:30 horas
Asociación-río-Miño-Portomarín
29 Jul 2026

O Concello de Portomarín volverá apostar este verán pola música e a danza tradicional coa celebración dunha nova edición dos Domingos Folclóricos, un ciclo que reunirá durante o mes de agosto a oito agrupacións de diferentes localidades galegas para achegar ao público o patrimonio cultural e o folclore popular.

A programación desenvolverase ao longo de catro domingos consecutivos, sempre a partir das 19:30 horas. O ciclo abrirase o 2 de agosto coa actuación da Asociación Cultural Río Miño, de Portomarín, que compartirá escenario coa agrupación Son Outeiro, de Outeiro de Rei.

A segunda cita terá lugar o 9 de agosto e contará coa participación da Asociación Cultural Meigas e Trasgos, de Sarria, e do grupo Axeigo, de Rábade, dúas formacións que achegarán ao público o seu repertorio de música e baile tradicional galego.

O 16 de agosto, a Asociación Cultural Río Miño volverá actuar, nesta ocasión xunto ao grupo Os Xílgaros, de Lugo. O programa pecharase o 23 de agosto coa presenza da Asociación Folclórica de Lemavos, de Monforte de Lemos, e da Asociación Cultural O Feitizo, de Foz, mentres que o 30 de agosto será a quenda da Asociación Cultural Airiños de Orbazai, de Lugo, e da Asociación Cultural Legua Dereita, do Corgo.

Con esta iniciativa, Portomarín mantén a súa aposta por divulgar e conservar a música e as tradicións populares galegas, ao tempo que ofrece unha programación cultural para veciños e visitantes durante a tempada estival.

0.12774896621704