Presentada a moeda conmemorativa polo 25 aniversario do Arde Lucus

LugoXa
A peza, deseñada e acuñada por Cohors III Lucensium, rende homenaxe á historia da cidade e á consolidación do Arde Lucus como referente turístico internacional
Presentación-Moeda-Arde-Lucus-2026
21 May 2026

A Casa Consistorial do Concello de Lugo acolleu a presentación da moeda conmemorativa creada con motivo do 25 aniversario do Arde Lucus, unha peza deseñada e acuñada pola Cohors III Lucensium para celebrar esta efeméride.

No acto participou o presidente da entidade, Miguel Ángel Alvelo, quen explicou os detalles e o simbolismo dunha moeda que busca render homenaxe á evolución dunha das festas de recreación histórica máis recoñecidas de España e convertida xa nun referente turístico internacional.

Desde o ano 2010, a asociación edita a moeda oficial do Arde Lucus, reproducindo na maior parte das edicións réplicas de moedas romanas catalogadas relacionadas coa temática anual da celebración. Porén, igual que aconteceu en 2025 coa moeda dedicada ao 25 aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, este 2026 apostouse novamente por unha creación específica para conmemorar unha data especial: a edición número 25 do Arde Lucus.

A moeda incorpora diferentes elementos ligados á historia e ás orixes da cidade, combinando iconografía romana e castrexa. No anverso figura unha aguia inspirada na que coroa a columna da Praza de Santo Domingo, símbolo da cultura e do imperio romano. A ave aparece rodeada por un torques inspirado no Torques de Burela, exposto na sala do tesouro do Museo Provincial de Lugo, escollido como representación da cultura castrexa galaica. Na parte inferior tamén aparecen unhas lapas, símbolo do lume festivo que envolve a cidade durante a celebración.

No reverso da moeda recóllese a razón desta emisión conmemorativa. Na parte superior aparece a inscrición “ARDE LVCVS” acompañada do xabaril, emblema da asociación promotora da acuñación. Na zona inferior inclúense as datas da celebración e, no centro, destaca a expresión “Natalis XXV”, en referencia ao vixésimo quinto aniversario da festa.

A moeda estará dispoñible nos próximos días en distintos establecementos da cidade colaboradores coa distribución, unha rede de puntos de venda que se irá actualizando nas redes sociais da asociación. O prezo manterase nos 2,50 euros, igual que na edición anterior.

Durante a presentación púxose en valor o traballo desenvolvido por Cohors III Lucensium e polo conxunto das asociacións de recreación histórica, así como a implicación da cidadanía na consolidación do Arde Lucus como Festa de Interese Turístico Internacional. Desde o Concello destacouse tamén a importancia do tecido asociativo para continuar fortalecendo unha celebración convertida nun dos principais referentes culturais, patrimoniais e turísticos da cidade.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, agradeceu especialmente a acollida e a colaboración mostrada polas asociacións recreativas nesta nova etapa, destacando a súa disposición inmediata para traballar de maneira coordinada co Goberno local “nun momento no que acabamos de asumir a responsabilidade de goberno e co Arde Lucus xa moi próximo no calendario”.

0.087574005126953