Presentadas as actividades para o Día das Letras Galegas en Lugo

LugoXa
O Goberno Municipal presentou as actividades que organiza de cara ao Día das Letras Galegas e que se realizarán dende o 15 ao 17 de maio.
Concello de Lugo
11 May 2021

O Goberno Municipal presentou as actividades que organiza de cara ao Día das Letras Galegas. Así pois, organizáronse unha serie de actividades culturais que mostran a presenza do galego na rúa e nas artes durante todos os días do ano.

As actividades do día das Letras Galegas comezarán o día 15 de maio, co espectáculo poético musical Por Xela, Letras Galegas 2021, que comezará ás 20:30 no Auditorio Municipal Gustavo Freire. Trátase dun espectáculo multidisciplinar adicado a Xela Arias, con 3 disciplinas artísticas: música, poesía e fotografía. Un evento que contará nove mulleres no escenario, 5 músicas da Banda da Loba e 4 poetas actuais galegas, e a proxección dos retratos de Xela Arias feitos por Xulio Gil.

A parte poética do espectáculo está comisionada por Tamara Andrés, tradutora e poeta galega especializada en Xela Arias, e contará coa participación de Estíbaliz Espinosa, Nuria Vil, Helena Salgueiro e Vanessa Glemsel, poetas contemporáneas galegas relacionadas coa música, a fotografía e a performance.

A parte musical do espectáculo correrá a cargo da Banda da Loba, unha formación musical galega, composta por cinco mulleres asentadas no concello da Estrada, que están revolucionando a musica galega coa súa mestura de música e literatura. Os poemas musicados pola banda pertencen aos catro poemarios publicados por Xela Arias: Denuncia do equilibrio (1986), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003).

As redes sociais da área de Cultura mostrarán entre o 15 e o 17 de maio as actuacións de 6 grupos de música de Lugo, baixo o ciclo En Galego ao teu ritmo. Cada día emitiranse dous concertos de música en galego, que permitirán “achegar a música e festexar as nosas letras con todas as persoas que non poden asistir ás actividades presenciais”.

O propio 17 de maio, a área de Cultura agasallará un libro en galego a todas as persoas que se acheguen á praza Maior. A actividade terá lugar entre as 12 e as 14 horas, e as persoas que o desexen levarán un libro procedente do fondo bibliográfico municipal.

0.11197805404663