Presentadas dez ofertas para construír as 152 vivendas de Garabolos

LugoXa
O inmoble contará con máis de 23.000 metros cadrados de superficie construída e terá unha distribución de baixo, 8 alturas e baixo cuberta
allegue-visita-a-lugo-vivendas-garabolos
26 May 2026

A Xunta recibiu 10 ofertas para construír 152 novas vivendas públicas no barrio de Garabolos, en Lugo, licitadas por un orzamento de 26,5M€. Así o sinalou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, na visita que realizou a Lugo, onde detallou esta nova actuación.

Allegue puxo en valor esta nova promoción, que abranguerá máis de 23.000 metros cadrados de superficie construída, cun inmoble de baixo, 8 alturas e baixo cuberta. Serán fogares de 1, 2, 3 e 4 dormitorios, “para todo tipo de familias que encherán este barrio”. A promoción contará con servizos, comunicacións internas e será, como destacou a conselleira, “un inmoble integrado na contorna, e relacionado co espazo próximo”

Destacou que se axilizará a adxudicación dos traballos e o obxectivo é que as vivendas sexan unha realidade no 2028.

A conselleira subliñou a aposta da Xunta pola vivenda en Lugo, unha cidade na que están en marcha máis de 600 vivendas públicas, a maior parte delas en Garabolos, onde están en obras 146 futuros fogares.

Neste momento, están tamén en licitación as obras outras 59 vivendas en Paradai, en terreos acadados nunha permuta co Concello e que suporán un investimento de 11M€ de fondos propios autonómicos. As empresas poden presentar ofertas ata o 29 de xuño.

A conselleira quixo lembrar as novas medidas da Xunta para facilitar que máis familias poidan acceder á vivenda protexida, como o incremento do limiar de renda a 4 veces o IPREM (4,5 para familias numerosas) e a reserva do 30% nas vivendas destinadas á venda para persoas de 36 a 45 anos con fillos a cargo. Esta súmase á reserva ao menos do 25% das novas vivendas públicas destinadas á venda e o 40% á alugueiro para menores de 36 anos.

0.12666201591492