Presentado en Friol o proxecto Lar do Regueiro, unha iniciativa de cohousing sénior con 12 vivendas colaborativas

Friol acolleu a presentación do proxecto Cohousing Lar do Regueiro, unha iniciativa que o alcalde do municipio, José Ángel Santos, definiu como “ilusionante” por apostar por un modelo de vida máis sostible, colaborativo e centrado nas persoas. O rexedor destacou que esta proposta representa unha nova maneira de entender a convivencia no rural, combinando independencia e apoio mutuo, ao tempo que contribúe á dinamización do territorio.
Lar do Regueiro é un proxecto de cohousing sénior situado en Friol e autoxestionado por unha cooperativa galega sen ánimo de lucro. A iniciativa contempla un modelo comunitario con 12 vivendas privadas, complementadas con espazos comúns como cociña, lavandería, biblioteca e ximnasio, ademais de servizos asistenciais orientados a favorecer a autonomía persoal nun contorno rural.
Desde o Concello de Friol agradeceron á Consellería de Política Social, ao director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a todas as persoas implicadas o seu compromiso e traballo para facer realidade este proxecto. Tamén trasladaron o seu recoñecemento a Lar do Regueiro por escoller Friol como sede desta iniciativa.
No acto participou Antón Acevedo, acompañado de Javier Arias, quen puxo en valor as novas actuacións que sitúan Friol como “exemplo de proxectos que buscan garantir o benestar dos maiores e das persoas con discapacidade”. Neste sentido, lembrou tamén a futura residencia para persoas con autismo que está próxima a rematar a súa construción no municipio.
O director xeral salientou o modelo de coidados da Xunta, orientado a atender as necesidades e preferencias das persoas maiores para que poidan tomar decisións de maneira autónoma e libre. Segundo explicou, a maioría das persoas maiores galegas prefiren ser atendidas na súa contorna habitual, polo que o Goberno galego desenvolve servizos de proximidade que lles permitan permanecer no seu lugar de sempre con atención axeitada.
Entre estas medidas destacou o Bono Coidado no Fogar, unha axuda anual de 5.000 euros que perciben máis de 38.000 galegos que optan por ser atendidos nos seus domicilios. Ademais, lembrou o compromiso do presidente Alfonso Rueda de ampliar esta prestación ao longo da lexislatura ata alcanzar os 50.000 beneficiarios.
Acevedo tamén se referiu ao futuro centro de atención integral para persoas con autismo que se constrúe en Friol, ao que a Xunta destina 4,7 millóns de euros e que contará con 48 prazas residenciais. Segundo indicou, as obras avanzan a bo ritmo e o centro estará rematado este ano. A súa xestión correrá a cargo de Aspanaes e permitirá crear novos postos de traballo, favorecendo ademais o asentamento de poboación no rural.