Presentan a programación previa á Gala dos Premios Mestre Mateo que se celebra en Lugo

LugoXa
As iniciativas, todas de acceso gratuíto, inclúen proxeccións de filmes finalistas, coloquios cos equipos e a oportunidade de votar á película favorita do público
Gala-Mestre-Mateo-Lugo-2026
28 Jan 2026

Presentan a programación complementaria á gala dos Premios Mestre Mateo, que se celebrará o 21 de marzo no  Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo. Todas as actividades organizadas pola Academia Galega do Audiovisual incluídas na programación dos XXIV Premios Mestre Mateo son de acceso gratuíto ata completar capacidade. Para asegurar praza, as persoas interesadas poden escribir un correo electrónico ao enderezo actividades@academiagalegadoaudiovisual.gal ou chamar por teléfono á Academia Galega do Audiovisual (+34 633 24 56 39), indicando a actividade ou actividades ás que desexan asistir.

Así, as actividades comezarán o 3 de febreiro, no Vello Cárcere, onde se darán a coñecer os finalistas desta edición dos Premios Mestre Mateo, un dos momentos máis esperados do audiovisual galego.

Por primeira vez, o público poderá asistir á lectura de finalistas, que correrá a cargo do comunicador Juan Fuentes, gañador do Premio Mestre Mateo a Mellor Comunicador, e a actriz Andrea Fernández, finalista a un Premio Mestre Mateo na categoría de mellor actriz polo seu papel no filme’ As Neves’.

Unha vez coñecidos os finalistas, o público de Lugo terá a posibilidade de asistir á proxección das longametraxes e documentais finalistas nos Cines Códex, que contarán coa presentación dos equipos das obras. As sesións serán gratuítas, de acceso libre ata completar capacidade e celebraranse os días martes 10, mércores 11, mércores 18, xoves 19, martes 24 e mércores 25 de febreiro, así como os días martes 3 e mércores 4 de marzo ás 19 horas. A guionista Clara Coira será a encargada de moderar os coloquios cos equipos dos filmes. Ademais, o público poderá participar na iniciativa ‘Pasaporte Mestre Mateo’, coa que recibirán un agasallo oficial e unha entrada de acceso ao espectáculo especial para seguir a gala do 21 de marzo.

Por outro lado, o 20 de febreiro, os responsables de organización e prensa da gala falarán dos aspectos máis descoñecidos e interesantes da organización interna do evento nunha charla titulada "Detrás dos Premios Mestre Mateo" no Salón de Actos da Deputación de Lugo; mentres que o xoves 5 de marzo organizarase un encontro cos presentadores da gala e co Premio de Honra no Auditorio do Vello Cárcere, tamén de acceso libre ata completar aforo e conducido e moderado por Pepe Capelán.

Finalmente, e co obxectivo de implicar á audiencia no transcurso dos galardóns e reforzar o vínculo do audiovisual galego cos seus espectadores, por primeira vez nos Premios Mestre Mateo o público terá a oportunidade de votar pola súa película favorita de entre todas as finalistas.

A longametraxe gañadora do Premio Especial do Público darase a coñecer xunto cos premios especiais á promoción da lingua e ao fomento da sostibilidade, na tradicional Xuntanza de Finalistas previa á gala, que neste ocasión terá lugar o día 6 de marzo no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).

Gala Premios Mestre Mateo

A gala dos Premios Mestre Mateo terá lugar o vindeiro 21 de marzo no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo e está previsto que asistan arredor de 900 persoas. A gran noite do cinema e da creación audiovisual contará coa tradicional alfombra vermella, pola que desfilarán rostros destacados do sector, profesionais finalistas e personalidades do ámbito cultural e institucional, nunha celebración que reunirá ao mellor do audiovisual galego do último ano.

Este ano, como novidade, ademais da Gala de entrega de Premios, a Academia organizará un espectáculo en directo para que o público poida seguir a gala desde un dos escenarios do propio Auditorio Fuxan os Ventos. A función especial estará presentada polo cómico Rafa Durán e incluirá numerosas sorpresas. Ademais, o público asistente poderá inmortalizar o momento nun ‘photocall’ exclusivo e vivir de preto a experiencia da gran noite do audiovisual galego.

⚙ Configurar cookies
0.082350969314575