Presentan este sábado en Lugo '21 poetas do século XXI' do colectivo NPG
O salón de actos do Vello Cárcere de Lugo acolle este sábado, 18 de decembro, a presentación do libro 21 poetas do século XXI, a antoloxía máis nova e actual da poesía galega contemporánea e que reúne a 21 poetas que naceron no século XXI, que fan 21 anos ou menos neste 2021, entre eles o vilalbés Lois Gayoso e a guitírica Clara Blanco.
A presentación será ás 12:00 horas e estará a cargo do coordinador da antoloxía, Carlos da Aira e de Antón de Guizán, da NPG Nova Poesía Guitirica.
Durante haberá varios recitais das poetas Clara Blanco, Fabián Niño, Lois Gayoso, Lorena Fernández Iglesias, Mariña Maceiras, Paula Varela, Rosalía Bernárdez Riopedre e Silvia García Fernández.
21 poetas do século XXI é unha escolma da poesía máis ca novísima que se está a escribir en lingua galega hoxe, un libro que culmina case un ano de traballo de Carlos Da Aira de busca e posterior diálogo coas 21 voces que amosan finalmente neste traballo unha boa mostra da potencia e a calidade do presente e o futuro do xénero máis senlleiro da literatura galega.
21 poetas do século XXI son: Zaira Ferradás, Silvia García Fernández, Sara Fonta, Sara Faro, Rosalía Bernárdez Riopedre, Paula Varela, Noé González Alamino, Nee Barros, Mariña Maceiras, Lucas Gago Suárez, Lorena Fernández Iglesias, Lois Gayoso, Juan Rocamonde, Jorge Moral, Isolda Comesaña, Fabián Niño, Clara Blanco,, Ángela del Canto Soláns, Andy da Fonte e Ana Fraile Somoza.