Presentan o libro “50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras 1975-2025”

LugoXa
A publicación inclúe unha biografía elaborada polo historiador Uxío Breogán Diéguez Cequiel, así como unha vintena de artigos de persoas que compartiron militancia e ideario con Reboiras
presentacion-llibro-aniversario-moncho-reboiras
13 Jun 2026

O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acolleu esta venres a presentación do libro “50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras 1975-2025”, unha publicación editada no marco das actividades impulsadas pola Fundación Moncho Reboiras, a Fundación Galiza Sempre e a Fundación Terra e Tempo, co obxectivo de divulgar a figura e a traxectoria militante de Reboiras, asasinado pola policía franquista en Ferrol en agosto de 1975.

O acto contou coa participación de diferentes voces vinculadas á súa memoria e ao seu legado político. Entre elas estivo Marisa Canto, compañeira de militancia, que compartiu lembranzas persoais e reflexións arredor do compromiso nacionalista e antifranquista de Reboiras. Tamén interveu Rubén Cela, presidente do Padroado da Fundación Galiza Sempre, quen expuxo os avances realizados no último ano para a difusión e dignificación da súa figura, destacando iniciativas como o busto instalado a carón do Vello Cárcere de Lugo ou proxectos de divulgación como a exposición artística “Moncho Reboiras. Semente de vencer”.

Na apertura do acto, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, defendeu que “as institucións deben estar do lado da memoria, da democracia e da verdade” e criticou “a polémica axitada a PP”, sinalando que “debater no 2026 se unha persoa asasinada a tiros, polo espalda, polo franquismo, é unha vítima ou non é un debate ridículo”, que, segundo indicou, evidencia “a necesidade de abrir as institucións para figuras como a de Moncho Reboiras”.

A publicación, coordinada por Suso Seixo, Rubén Cela e Roberto Vilameá, inclúe unha biografía elaborada polo historiador Uxío Breogán Diéguez Cequiel, así como unha vintena de artigos de persoas que compartiron militancia e ideario con Reboiras. O volume complétase cunha recompilación de creacións artísticas realizadas para a exposición “Moncho Reboiras. Semente de Vencer”.

0.14628911018372