Presentan o proxecto dunha residencia de maiores con 115 prazas en Recatelo

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, presentou aos representantes da Asociación de Veciños Parque Rosalía de Castro-Recatelo o proxecto básico e de execución da futura residencia para persoas maiores que a empresa Ballesol S.A. promoverá nunha parcela situada entre as rúas Cidade de Viveiro e Isaac Díaz Pardo.
A iniciativa, de carácter privado, suporá un investimento de 10,9 millóns de euros e permitirá a creación dun centro residencial con capacidade para 115 persoas maiores. Ademais de ampliar a oferta asistencial da cidade, o proxecto contribuirá á creación de emprego e á dinamización desta zona de Lugo.
A futura residencia contará tamén con dous sotos destinados a aparcadoiro. O primeiro disporá de 25 prazas, mentres que o segundo ofrecerá outras 52, co obxectivo de dar servizo ao complexo e mellorar a capacidade de estacionamento da contorna.
Durante o encontro, a alcaldesa informou tamén á asociación veciñal dos avances da Mesa de Seguridade e das actuacións previstas para reforzar a convivencia en distintos puntos do barrio, con especial atención á contorna da rúa Vilalba. Neste ámbito, o Concello prevé impulsar novas medidas para incrementar a seguridade e mellorar a calidade de vida da veciñanza.
Na reunión abordáronse ademais outras demandas e actuacións consideradas prioritarias para Recatelo, entre elas a recuperación da caseta do gardés do Parque Rosalía de Castro para convertela no futuro local social da Asociación de Veciños, a reparación do pavimento deteriorado nas zonas peonís para aumentar a seguridade dos peóns e o reforzo das tarefas de limpeza, especialmente coa eliminación de grafitis na rúa Recatelo.
Así mesmo, Concello e veciñanza analizaron a continuidade dos traballos para impulsar a declaración do Parque Rosalía de Castro como Ben de Interese Cultural (BIC), a intensificación dos controis sobre os vehículos que empregan a zona peonil como atallo, o apoio municipal ás festas do barrio previstas para o mes de setembro e a procura dunha solución ao problema das augas fecais no calexón que comunica a rúa Santiago con Cidade de Viveiro.