Presentan unha nova edición do ciclo de animación á lectura e contacontos en Lugo

Presentan unha nova edición do ciclo de animación á lectura e contacontos, unha programación especialmente deseñada para achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo dos libros e dos contos.
"Con estas actividades pretendemos achegar aos nenos e nenas ao universo da lectura, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero", destacou a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro.
O ciclo, que terá como escenario principal o MIHL (Museo Interactivo da Historia de Lugo), desenvolverase entre o 23 de abril e o 12 de xuño, cun total de seis actividades adaptadas a distintas franxas de idade. “O MIHL volverá ser o espazo principal, achegando á veciñanza a un dos nosos edificios culturais máis emblemáticos”, explicou a edil.
A entrada será de balde, pero será necesario retirala a través do portal entradaslugo.es. As persoas adultas que acompañen aos menores deberán retirar tamén entrada, pero co obxectivo de priorizar o acceso infantil, só se permitirá un acompañante por unidade familiar e un máximo de tres entradas por persoa.
ACTIVIDADES
A programación comezará o mércores 23 de abril ás 18:00 horas no MIHL co espectáculo “Contamos contos de lobos?”, a cargo de Teatro Ghazafelhos. Esta actividade está dirixida a nenas e nenos a partir de 3 anos e terá unha duración de 50 minutos.
A seguinte cita será o xoves 8 de maio, tamén ás 18:00 horas no MIHL, coa contacontos Raquel Queizás, que presentará “Cambio e conto”, un espectáculo especialmente pensado para a primeira infancia, dirixido a cativas e cativos de 1 a 4 anos, cunha duración de 35 minutos.
O xoves 15 de maio, á mesma hora e lugar, será a quenda de Nami e o Mago da Boina, que ofrecerán “A maxia dos libros”, un espectáculo máxico e participativo orientado a nenas e nenos a partir de 7 anos. A súa duración será de 55 minutos.
O ciclo continuará o xoves 29 de maio, tamén ás 18:00 horas, coa escritora e narradora Ana Meilán, que presentará “Que pasaría se o mundo quedase sen bágoas?”, unha proposta para público a partir de 3 anos, cunha duración estimada de 45 minutos.
O xoves 5 de xuño, ás 18:00 horas, chegará ao MIHL o espectáculo “Circo na biblioteca”, do artista Dani Blanco, unha proposta divertida para nenas e nenos a partir de 3 anos, cunha duración de 50 minutos.
Finalmente, o ciclo pecharase o xoves 12 de xuño, tamén ás 18:00 horas, coa compañía Xarope Tulú, que ofrecerá o espectáculo “Bichocas”, destinado a un público moi pequeno, de 1 a 3 anos, cunha duración de 35 minutos.