Preséntase o iTERRA na USC como novo instituto de investigación en saúde global e desenvolvemento sostible

O Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible (iTERRA) presentouse nun acto institucional celebrado na Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC), nunha sesión que reuniu representantes académicos e institucionais e que serviu para dar a coñecer este novo proxecto científico ligado ao Campus Terra.
O acto estivo presidido pola reitora da USC, Rosa Crujeiras, e contou coa participación de Roberto Bande Ramudo, vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo; Almudena Hospido Quintana, vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta; Marta I. Miranda Castañón, directora do Campus Terra; Marta López Alonso, directora do iTERRA; e José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades.
Durante a inauguración, a reitora destacou que “hoxe nace oficialmente un instituto cunha axenda científica ambiciosa e plenamente conectada cos desafíos do noso tempo”, subliñando que os seus eixes estratéxicos —a saúde humana e animal, a produción e seguridade alimentaria, a sustentabilidade ambiental e a incorporación da intelixencia artificial e das tecnoloxías dixitais— sitúan o iTERRA na vangarda das prioridades científicas internacionais.
Crujeiras puxo tamén en valor a conexión do instituto coa realidade galega, especialmente co sector agroalimentario, o ámbito forestal, a conservación dos ecosistemas, a saúde animal e a innovación tecnolóxica aplicada ao territorio, destacando o papel da investigación pública como motor de desenvolvemento económico e social.
A reitora subliñou ademais que a creación do iTERRA reforza o papel do Campus Terra como proxecto estratéxico e consolida, xunto co IBADER e outras infraestruturas científicas, un ecosistema de coñecemento especializado e con proxección internacional.
Pola súa banda, a directora do iTERRA sinalou que o instituto se apoia nun territorio que funciona como “laboratorio vivo”, ao permitir que a investigación se conecte directamente coa realidade e facilite o estudo integral dos sistemas e das súas interaccións. Neste sentido, destacou que o territorio non é só o escenario da investigación, senón unha parte esencial dela.
A dirección do instituto explicou tamén que o modelo do iTERRA se sitúa na intersección entre a saúde global, que relaciona a saúde humana, animal e ambiental, e o desenvolvemento sostible, que integra as dimensións ambiental, económica e social, defendendo a necesidade de abordar os grandes retos desde esa perspectiva conxunta.
A Xunta de Galicia tamén participou na presentación e destacou o impulso a este novo centro como unha aposta estratéxica pola investigación universitaria e a innovación. O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, subliñou que o iTERRA culmina o traballo desenvolvido polo Campus Terra e abre novas oportunidades de proxección internacional, reforzando as estruturas estables de investigación e a transferencia de coñecemento.
Pola súa parte, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, puxo en valor a importancia de conectar investigación agraria, innovación agroalimentaria e desenvolvemento rural, destacando o potencial de Galicia en talento investigador e capacidade innovadora para transformar o coñecemento en oportunidades no territorio.