Programan a primeira xornada de portas abertas do Coliving Artístico Municipal de Lugo

LugoXa
O obxectivo principal da xornada é reunir aos profesionais do sector para que coñezan de primeira man os propósitos e futuros usos do centro internacional
Sesion_escoita_coliving_Lugo
23 Out 2024

Con motivo do Día Internacional do Artista, este venres 25, en horario de mañá terá lugar a primeira xornada de portas abertas do CAM Lugo (Coliving Artístico Municipal de Lugo). Esta actividade está destinada ao público profesional relacionado coas artes e a cultura e poderase acceder a ela en tres tramos de 10:30h, 11:30h e 12:30h, con inscrición previa a través do enderezo electrónico cam@lugo.gal.

O obxectivo principal da xornada é reunir aos profesionais do sector para que coñezan de primeira man os propósitos e futuros usos do centro internacional de residencias. Da man do técnico municipal Norman Veiga, do CEI-Nodus lucense, percorreranse as instalacións do CAM e proporcionarase información útil sobre o equipamento. O Coliving Artístico Municipal é un proxecto do Concello de Lugo que ten como obxectivo principal unir a persoas con intereses semellantes no ámbito artístico e laboral para que traballen e convivan en común mentres comparten experiencias e crean proxectos que redunden na sociedade.

Sitúase ao pé do Camiño Primitivo, tras a rehabilitación por parte do Concello da que fora a vivenda do pintor e escultor Gómez Pacios. Conta con dúas edificacións de residencia e taller e unha ampla infraestrutura verde de 3.000 m2 aberta a toda a cidadanía que contará con programación propia. Durante este ano 2024 están a levarse a cabo nel a planificación de posta en marcha mediante diferentes actividades destinadas a diversos públicos, tales como talleres, concertos, charlas ou encontros con axentes e colectivos culturais. Iso será ata primeiros do 2025, cando se prevé que entre en funcionamento o Regulamento das Residencias Artísticas Internacionais do Coliving.

0.20858001708984