Reclaman o reinicio inmediato das obras da Milagrosa tras meses de paralización

**A Milagrosa reclama o reinicio inmediato das obras da rúa tras meses de paralización**
**A asociación veciñal denuncia perdas económicas, problemas de mobilidade e falta de información sobre unha actuación considerada esencial para o barrio**
A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa expresou a súa preocupación pola situación de bloqueo que atravesan as obras da rúa Milagrosa, unha actuación que levaba anos sendo reclamada polo barrio e que continúa sen avances visibles despois de meses de inactividade.
Desde a entidade lembran que, unha vez iniciados os traballos, considerouse necesario incorporar a renovación da rede de saneamento, unha actuación que a asociación apoiou ao entender que era unha mellora imprescindible para garantir a seguridade e a funcionalidade da vía.
A asociación sinala que, tras a sentenza xudicial que resolveu a rescisión do contrato coa empresa adxudicataria, o Partido Popular asegurou publicamente que os traballos se retomarían nun prazo de catro días. Porén, denuncian que transcorridos dous meses desde o inicio do actual mandato municipal, a realidade é que a actuación continúa completamente paralizada e sen información clara para os residentes.
Segundo explican, esta situación está a provocar importantes consecuencias no barrio. Os comerciantes están a rexistrar unha redución da súa actividade e da súa facturación, mentres que os negocios hostaleiros sofren unha caída significativa de clientes debido ao estado da rúa. A isto súmanse as molestias continuas que soportan os veciños, a sensación de inseguridade e o deterioro da contorna, ademais dos problemas de mobilidade provocados polos cortes, desvíos e obstáculos existentes.
Desde a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa esixen que as obras se reinicien de maneira inmediata e que se execute a actuación no menor prazo posible, cunha planificación transparente e cun compromiso firme por parte do Concello de Lugo.
A entidade asegura que os veciños do barrio se senten enganados pola situación actual e afirma que non poden aceptar máis atrasos, xustificacións nin abandono institucional. Consideran que A Milagrosa leva anos esperando unha intervención esencial para a vida diaria dos residentes, a actividade económica e a propia dignidade da comunidade.
Así mesmo, reclaman ao Concello de Lugo, á Alcaldía e á Concellería de Mobilidade que actúen con responsabilidade, urxencia e respecto cara a un barrio que, segundo destacan, sempre mostrou capacidade de traballo, cohesión e compromiso coa cidade.
A asociación tamén denuncia que a empresa encargada das obras empregaba un solar situado xunto á rúa Milagrosa como depósito de entullos e asegura que ese espazo continúa actualmente no mesmo estado.
Ademais, afirman que non cren nas promesas realizadas polo actual goberno municipal ao considerar que perdeu a súa credibilidade.
Na mañá deste 2 de xullo, membros da directiva da asociación realizaron unha concentración para reclamar o reinicio inmediato das obras.