Reclaman melloras na carballeira da Estrada da Granxa e a creación dun parque infantil

A Asociación Veciñal Terras de Magoi e Fingoi e a Federación de Asociacións Veciñais da Provincia de Lugo Lucus Augusti solicitaron ao Concello de Lugo unha actuación integral na carballeira situada na Estrada da Granxa, á altura dos números 114 e 116. As entidades consideran necesario acometer diversas melloras neste espazo natural para garantir a súa conservación e favorecer o seu uso por parte da veciñanza.
Entre as actuacións reclamadas figura a reparación, pintado e acondicionamento dos bancos e mesas xa existentes, que presentan un notable deterioro debido ao paso do tempo e ao uso continuado. Ademais, solicitan a instalación de novo mobiliario urbano para dar resposta ao incremento de usuarios que experimentou a zona nos últimos anos, especialmente familias, persoas maiores e residentes do barrio.
As entidades destacan que a carballeira conta con amplas zonas de estacionamento, o que facilita o acceso sen provocar problemas de mobilidade e converte este enclave nun lugar adecuado para o lecer e o encontro veciñal.
Outra das demandas trasladadas ao Concello é a instalación de aparatos cardiosaudables. Segundo sinalan, este tipo de equipamentos favorecerían a práctica de actividade física segura e accesible para persoas maiores e adultas, contribuíndo á mellora da mobilidade, ao fortalecemento muscular e á prevención de enfermidades cardiovasculares. Ademais, consideran que a contorna natural da carballeira ofrece unhas condicións idóneas para este tipo de instalacións, que xa funcionan noutros barrios da cidade.
As asociacións tamén propoñen estudar a creación dun parque infantil na propia carballeira ou en espazos próximos. Argumentan que a zona se atopa no corazón do campus universitario e rodeada de barrios nos que residen numerosas familias novas, polo que consideran que existe unha carencia de áreas de xogo para a infancia.
Segundo explican, a creación deste espazo permitiría ofrecer unha alternativa de lecer segura e accesible para os nenos e nenas do barrio, favorecer a convivencia entre xeracións e reforzar a calidade de vida nunha área en crecemento.
Desde Terras de Magoi e Fingoi e a Federación Lucus Augusti insisten en que todas as actuacións propostas deben ser compatibles coa conservación da carballeira e co mantemento do seu valor ambiental. Neste sentido, subliñan que as melloras solicitadas non implican alterar nin danar a masa arbórea existente, senón contribuír á posta en valor dun dos espazos naturais máis destacados desta zona da cidade.