Reforzan a coordinación policial na loita contra os incendios forestais na provincia de Lugo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, presidiu a reunión do comité provincial no que se informou sobre o desenvolvemento do operativo na campaña de alto risco
comite-incendios-forestales-provincia-lugo
20 Jul 2026

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, presidiu hoxe na Delegación Territorial a reunión do Comité Provincial de Coordinación Policial contra os Incendios Forestais para reforzar a cooperación na loita fronte aos lumes. Nela tamén participaron representantes de distintos servizos da Xunta na provincia así como da Subdelegación do Goberno, Policía Nacional, Policía Autonómica e Garda Civil.

O Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural explicou na reunión que Lugo conta este verán con 81 brigadas de Medio Rural, unha cifra que está a incrementar neste ano co reforzo de 11 brigadas da empresa pública Seaga. En total, o operativo dispón de 137 brigadas, catro delas helitransportadas, ás que se suman as 56 brigadas das entidades locais. Xunto co resto do persoal (técnicos, axentes medioambientais, condutores, emisoristas, operadores, mecánicos e vixiantes) mobilizaranse máis de 1.300 persoas no momento de maior despregamento.

Dispoñen de case un cento de camións autobomba, catro reténs de maquinaria pesada en distintas comarcas, tractores cisterna ou medios aéreos: dous helicópteros de extinción con base en Monforte de Lemos e Becerreá, un helicóptero de coordinación en Portomarín, e dous avións de carga en terra con base en Sober e alternativa na Fonsagrada.

En materia de prevención, a Consellería continúa desenvolvendo o convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias subscrito con Seaga, que este ano alcanza un orzamento de 25 millóns de euros, o dobre que no exercicio anterior. Na provincia de Lugo están adscritos, ou en trámites para a adhesión, 62 dos 67 concellos.

Novidades do Pladiga

Na xuntanza abordáronse as principais novidades do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), que contempla o maior investimento da súa historia, superando os 213 millóns de euros.

Incrementáronse as cámaras da Rede de Vixilancia de Espazos Forestais. En Lugo hai seis novas cámaras en Láncara, O Valadouro, A Fonsagrada, Becerreá, Portomarín e Sober, así como un dron neste último municipio para unha especial vixilancia nos canóns do Sil. En relación a este sistema, implementouse un sistema de alerta aplicando intelixencia artificial tomando como punto de partida as imaxes das cámaras.

En canto a persoal, destaca a incorporación de 42 novas brigadas de Seaga, das que nove terán base na provincia de Lugo, así como o reforzo de medios aéreos. En conxunto, a Xunta despregará 24 aeronaves de extinción e coordinación, ás que haberá que sumar outras 10 aeronaves do Estado.

Alfonso Villares gabou “o extraordinario labor que realizan as brigadas, as forzas e corpos de seguridade, os distintos servizos e todas as persoas implicadas no operativo de prevención e extinción de incendios”. Igualmente, fixo un chamamento á responsabilidade cidadá para extremar as precaucións e denunciar condutas delitivas causantes dos lumes.

Sinalou que a Xunta puxo en marcha a aplicación ALume, unha canle específica para alertar da detección de lumes forestais. Tamén se poden comunicar a través do teléfono gratuíto 085. Por último, no número anónimo e gratuíto 900 815 085 pódese informar de calquera actividade incendiaria sospeitosa.

0.094123125076294