Reivindican o legado de Otero Pedrayo coa estrea do documental sobre a paisaxe galega

O Pazo de San Marcos acolleu a proxección do documental “Ramón Otero Pedrayo: Dereito á paisaxe”, un audiovisual centrado na relación do escritor ourensán co territorio galego e na súa visión da paisaxe como elemento esencial da identidade cultural de Galicia.
O acto contou coa presenza da directora da obra, María José Bravo Bosch, catedrática da Universidade de Vigo, así como do presidente da Fundación Otero Pedrayo, Jose Eduardo López Pereira. A xornada completouse coa actuación musical de María do Ceo, cantante e compositora portuguesa afincada en Galicia e recoñecida pola súa traxectoria no fado.
O documental afonda na conexión de Ramón Otero Pedrayo coa xeografía galega e no desenvolvemento da que está considerada a primeira guía de Galicia, unha publicación clave para comprender a interpretación do autor sobre o territorio, a cultura e a identidade do país.
A produción audiovisual pon en valor a maneira na que Otero Pedrayo entendía a paisaxe non só como un espazo físico, senón tamén como unha parte fundamental da memoria colectiva e da identidade galega.