Rematan as obras de acondicionamento do local social da Ferradura de Pol

Pol
LugoXa | TerraChaXa
A Xunta colaborou coa agrupación veciñal da parroquia de Caraño na reforma do teleclube de Churiz para empregalo como sede das súas actividades
reforma-local-social-a-ferradura-pol
14 May 2026

A Xunta destinou 24.000 euros ás obras de acondicionamento do teleclube de Churiz, na parroquia polense de Caraño, promovidas pola asociación veciñal A Ferradura para empregar o inmoble como local social.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado da actuación, que foi executada co apoio da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a través das convocatorias de axudas a entidades veciñais correspondentes aos anos 2024 e 2025.

As reformas en conxunto melloran o illamento, a estética e a funcionalidade das instalacións. As últimas obras incluíron o cambio da cuberta de lousa por outra revestida do mesmo material. Tamén se actuou nas fachadas de pedra e cambiáronse dúas ventás e unha porta de madeira que estaban deterioradas por outras de aluminio. Ademais, fíxose a instalación eléctrica, o que permite ter luz no recinto.

Arias destacou a importancia desta rehabilitación, que permite recuperar para uso social unha construción que tivo moita importancia na parroquia, xa que antigamente funcionaba como lugar de reunión da veciñanza e albergaba unha tenda de comestibles e un teléfono público.

Con esta orde anual de axudas, o Goberno galego colabora no acondicionamento, reforma e ampliación dos locais das asociacións, con intervencións como a eliminación de barreiras arquitectónicas ou melloras en estruturas, fachadas, cubertas, paramentos interiores, ventás, teitos ou obras de fontanería, sistemas de climatización, saneamento ou electricidade.

0.12347102165222