Rematan as obras de modernización dos túneles de Pedrafita tras un investimento de 24,7 millóns de euros

GaliciaXa | LugoXa
A subdelegada do Goberno visitou o Centro de Control de Pedrafita para comprobar o resultado dunha actuación que reforza a seguridade na A-6 e adapta as infraestruturas á normativa europea
visita-Olimpia-Pedrafita-do-Cebreiro
13 Jul 2026

As obras de modernización dos túneles de Pedrafita xa están rematadas, culminando unha actuación impulsada polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible que supuxo un investimento de 24,7 millóns de euros para adaptar varias infraestruturas viarias de Galicia e León aos actuais estándares europeos de seguridade.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, visitou o Centro de Control de Túneles de Pedrafita, acompañada polo alcalde do municipio, José Luis Raposo, e pola xefa da Unidade de Estradas do Estado en Lugo, Beatriz González del Riego. Durante a visita tamén percorreron os túneles de Pedrafita e O Cereixal para coñecer o resultado das actuacións executadas.

Segundo destacou a subdelegada, esta intervención reafirma o compromiso do Goberno de España coa modernización das infraestruturas estratéxicas da provincia e coa mellora da seguridade nun dos principais corredores de comunicación entre Galicia e o resto do país.

Olimpia López lembrou que a Autovía do Noroeste (A-6) soporta diariamente un importante volume de tráfico de vehículos particulares e de transporte de mercadorías, polo que considerou prioritario garantir que estas infraestruturas conten cos máximos niveis de seguridade.

As actuacións financiáronse con fondos Next Generation EU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e permitiron modernizar os túneles de Neira de Rei, O Cereixal, Doncos, San Pedro e Pedrafita, na provincia de Lugo, así como outras infraestruturas situadas en León e o túnel de Montefurado, na estrada N-120.

Os traballos consistiron na renovación integral dos sistemas eléctricos, da ventilación, da iluminación de emerxencia e dos equipos de protección contra incendios. Ademais, instaláronse novos sistemas de videovixilancia, detección automática de incidencias, megafonía, comunicacións, paneis de sinalización variable e control remoto das instalacións, co obxectivo de incrementar a seguridade tanto dos usuarios como dos servizos de emerxencia.

A execución das obras realizouse mantendo, na maior parte do tempo, a circulación pola autovía, grazas á coordinación entre o Ministerio, a Dirección Xeral de Tráfico e a Garda Civil, co fin de minimizar as afeccións ao tráfico.

Durante a visita, Olimpia López tamén agradeceu o labor desenvolvido polos equipos técnicos e polas empresas encargadas da actuación, destacando a complexidade dun proxecto executado sen interromper o funcionamento dunha das principais vías de comunicación do noroeste peninsular.

0.1053569316864