Rematan as obras do proxecto de pavimentación de accesos a núcleos rurais

O Concello de Friol vén de rematar recentemente as obras correspondentes ao proxecto de pavimentación de accesos a varios núcleos rurais do municipio, actuación financiada con cargo ao Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo, cun investimento total de case 170.000 euros.
Os traballos realizados permitiron mellorar o estado de diferentes vías municipais que dan acceso aos núcleos de Castorres, Casanova, O Foxo, Corteporcos, Macedo, A Hedreira, Torre, Carballal, O Rebolo e Todón, beneficiando así a varias parroquias e a unha parte importante da veciñanza do concello.
Este proxecto supón unha actuación de grande relevancia para Friol, xa que permite continuar coa mellora e mantemento dos camiños municipais, fundamentais para garantir unhas comunicacións seguras e axeitadas no rural.
As vías obxecto da actuación presentaban un importante deterioro debido ás condicións habituais do tráfico, ao paso de maquinaria agrícola e forestal, ás condicións meteorolóxicas e ao paso do tempo, dificultando a circulación nalgunhas zonas. Por este motivo, executáronse actuacións encamiñadas a reparar as deficiencias existentes e previr futuros danos.
Ademais da renovación da pavimentación, tamén se realizaron labores de limpeza de cunetas para facilitar a correcta circulación das augas de escorrentía, así como a colocación de pasos salvacunetas, contribuíndo así a unha mellor conservación das vías e a unha maior seguridade para os usuarios.
Desde o Concello destacan que todas estas actuacións permitirán mellorar considerablemente os accesos por estas vías, facilitando os desprazamentos diarios tanto dos habitantes do municipio como da poboación en xeral.
O alcalde de Friol, José Ángel Santos, sinalou que “o bo estado dos accesos e das vías municipais polos que circulamos cada día é unha das nosas prioridades, e seguiremos traballando para mellorar todas as que o precisen, xa que a seguridade á hora de circular polas mesmas sabemos que é moi importante para todos”.
O Equipo de Goberno municipal reafirma así o seu compromiso de continuar impulsando actuacións de mellora nas infraestruturas municipais, especialmente no ámbito rural, co obxectivo de seguir mellorando a calidade de vida da veciñanza de Friol.